COMERCIO

O Concello colabora un ano máis na campaña "Merca e gaña" que pon en marcha a asociación Punto Compostela ata o 31 de outubro

05/10/2021 A Asociación Comercio Punto Compostela en colaboración co Concello de Santiago e a Federación Galega de Comercio acaban de pór en marcha a campaña "Merca e Gaña". O obxectivo da iniciativa, presentada esta mañá, é dinamizar as vendas nos establecementos adheridos a esta entidade, premiando os consumidores que merquen nas datas que comprende a campaña (entre o 4 e o 31 de outubro) e que rexistren a súa compra en www.mercaeganasantiago.com. Entre eles sortearanse 3.000 euros, repartidos en 5 tarxetas prepago de 200 e 20 de 100 euros, que deberán ser empregadas para volver mercar nos establecementos asociados.

A campaña foi presentada polo presidente da Asociación Comercio Punto Compostela, José Antonio Seijas; polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.

O rexedor sinalou que desde o inicio da crise sanitaria, o goberno municipal vén traballando coas distintas entidades comerciais para minimizar o impacto económico das medidas anticovid cun programa de axudas directas á reactivación comercial e outras accións, como bonos de aparcamento para a clientela dos comercios, pago de xuros, campañas de dinamización, ou subvencións á innovación. O último programa aprobado, "Bonos corazón compostela", supón unha mobilización de 1’5 millóns de euros para gastar nos comercios e establecementos adheridos á campaña. "A día de hoxe sumáronse 268 comercios e mercáronse 1328 bonos", engadiu o alcalde, que fixo un chamamento á cidadanía para que aproveite a ocasión e se sume á campaña. Tamén se está últimando, explicou, un programa de Nadal que "axude a dinamizar a cidade e o seu tecido comercial nunhas datas tan especiais". O obxectivo é, continúa, "que a cidadanía poida desfrutar do comercio tradicional e da hostalería", nunha contorna segura. Porque, sinala, unha cidade como Santiago "non se pode entender sen o comercio", un sector que "xera calidade de vida". O rexedor rematou animando a todos os composteláns a mercar no comercio tradicional.

Unha mensaxe na que tamén incidiu o presidente da Federación Galega de Comercio. José María Seijas, que tamén interveu no acto de presentación, destacou a importancia de concienciar ao consumidor da necesidade de apostar polos establecementos locais e de que o consumidor recupere a confianza. De ahí a oportunidade de iniciativas como "Merca e Gaña", campañas en positivo, que fomentan o consumo, que dinamizan a cidade e que poñen en valor o sector.

"Merca e Gaña en Punto Compostela" desenvolverase entre o 4 e o 31 de outubro de 2021. A difusión desta campaña realízase a través de cartelería repartida nos establecementos asociados e tamén nas redes sociais, a través do hastag #mercaeganasantiago. A información da actuación pode consultarse na web www.mercaeganasantiago.com, onde se poden rexistrar os tickets de compra para participar no sorteo, que terá lugar o 5 de novembro.

Compartir: