ALCALDÍA

O Consello Económico e Social do Concello mantén hoxe unha nova xuntanza na que se presentarán os avances no proxecto da Axenda Urbana

04/10/2021 O Consello Económico e Social do Concello de Santiago, órgano de participación das asociacións e entidades do ámbito socioeconómico no seguimento das cuestións da cidade e na determinación das medidas e decisións que se toman para o futuro, celebra hoxe un novo encontro no edificio CERSIA de San Lázaro presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

Nesta xuntanza, segundo indicou o rexedor, avanzarse na análise da evolución da situación socioeconómica da cidade. "É certo que temos os datos do primeiro e segundo trimestre do ano pero aínda non temos os do terceiro, que implican un cambio de tendencia moi positivo", engadiu. Así mesmo, aprobarase o plan de traballo do comité creado dentro do CES para xestionar de forma máis directa os asuntos tratados.

Por último, darase conta dos avances na elaboración da Axenda Urbana 2030. "Temos a primeira base e hoxe mesmo acordamos na Xunta de Goberno pedir unha subvención ao Ministerio de Fomento de 200.00 euros para continuar cos traballos de elaboración deste documento, que é o que debe debuxar o modelo e o proxecto do Santiago de 2030", abundou Sánchez Bugallo.

Consello Económico e Social
O Consello Económico e Social é un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Santiago e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello. Entre as súas funcións figuran:
- Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do orzamento municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.
- Elaborar informes, ditames ou estudios, de oficio ou a instancia do Concello de Santiago, en calquera asunto de carácter económico e social.
- Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.
- Propoñer solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Santiago.
- Coñecer as medidas de planificación económica e social que se elaboren polo Concello de Santiago e que afectan de forma xeral aos intereses do municipio.
- Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do municipio.

O Consello Económico e Social, presidido polo alcalde, conta con integrantes de todos os grupos municipais. Ademais, están representados neste órgano, a través dos seus titulares, a Universidade de Santiago; os sindicatos UXT, CC OO, CIG, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego; Compostela Monumental; Área Empresarial do Tambre; Asociación Punto Compostela; Fundación Santiago Centro; Hostalería Compostela; Confederación de Empresarios de Galicia; Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Círculo Financeiro de Santiago.

Compartir: