PLENO

O pleno aproba unha moción conxunta para instar ás entidades bancarias a que manteñan abertas ao público as súas oficinas

30/09/2021 O pleno do concello de Santiago, que comezou cun minuto de silencio polas vítimas de violencia machista; aprobou unha declaración institucional de apoio ao Camiño Inglés para que sexa recoñecido como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO. Tamén deu luz verde a unha moción de urxencia conxunta, presentada por todos os grupos municipais, para instar ás entidades bancarias a que manteñan aberta ao público as súas oficinas.

O pleno do Concello de Santiago de Compostela acordou apoiar a declaración do Camiño Inglés a Santiago como Patrimonio Mundial da Humanidade. Esta declaración debe incluír, sinala o texto, "os tramos que percorren Galicia dende Ferrol e A Coruña ata Santiago de Compostela, e podería estenderse ao principal tramo do camiño en Inglaterra, dende o Condado de Durham, pasando pola abadía de Reading e a cidade de Winchester ata o porto de Southampton".

Moción
En canto ao acordo da moción pide "solicitar ás entidades bancarias que operan no termo municipal que manteñan abertas as oficinas de servizo ao público, dado que aínda seguen prestando un servizo presencial necesario para unha parte da poboación"

No argumento inicial, describe que "nos últimos tempos estamos asistindo ao peche sistemático de oficinas bancarias de distintas entidades. Un problema que afecta sobre todo á Galicia rural, pero que tamén ten consecuencias en Santiago de Compostela, sobre todo na cidade histórica"

Esta perda de servizos financieros, engade a moción conxunta "é un grave problema para unha importante parte da poboación que, por distintas circunstancias, ten dificultades para utilizar a banca "on-line". Tamén ten consecuencias na economía local, dependente o cen por cen das entidades bancarias".

O pleno tamén aprobou a "Declaración de especial interese e utilidade municipal do anteproxecto de obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS)"; e a proposta da concelleira delegada de Políticas Sociais de resolución de alegacións e aprobación definitiva do "Regulamento do Consello Municipal de Persoas Maiores".

Tamén se aprobou, desta volta por unanimidade, a proposta da concelleira delegadade de Medio Ambiente, de bonificación do canon de SOGAMA para o ano 2021. En canto a proposicioni para a analise e posible modifación da velocidade en determinadas vías municipais tamén recibiu a aprobación de todos os grupos municipais.

Xa pola tarde, aprobouse unha moción conxunta de todos os grupos municipais para manifestar o apoio ás persoas refuxiadas afgás, en especial mulleres e nenas que buscan refuxio en Europa. Nesta moción, acórdase:

1. Instar ao Goberno da Xunta de Galicia a que ofreza ao Goberno español a súa vontade de acoller a refuxiados afgáns, particularmente mulleres e nenas, cuxos dereitos e vidas están en perigo no seu país.
2. Facer un chamamento á comunidade internacional para que inicie actuacións dirixidas a preservar a vida e os dereitos de todos os cidadáns afganos, en especial de mulleres e nenas.
3. Declarar ao municipio de Santiago de Compostela lugar de acollida de persoas refuxiadas afgás, particularmente de mulleres e nenas, pondo a disposición do Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migracións tantas prazas como sexan posibles para colaborar a reducir o impacto humanitario deste desastre, en coordinación coas entidades do Terceiro Sector especializadas en acollida, e demostrar así que Santiago de Compostela é un municipio de Acollida tal como se declarou en 2015.
4. Instar ao Goberno de España a axilizar a tramitación das solicitudes de asilo de refuxiados afganos.
5. Trasladar este acordo á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación; e ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Tamén se aprobou por unanimidade a moción para iniciar as xestións co obxectivo de artellar unha candidatura forte e acadar o recoñecemento de Santiago de Compostela coma Cidade Creativa da Música na seguinte convocatoria bianual da Rede de Cidades Creativas da UNESCO. Outra moción na que todos os grupos votaron a favor foi a relativa á reordenación e mellora das pistas de skate de Conxo.

A moción par a realización dun estudo do hábitat e do patrimonio na canteira de Santa Cristina de Fecha, tamén tivo o voto a favor de todos os grupos municipais. Entre os acordos contemplados figura un estudo do hábitat e do patrimonio da canteira, análises periódicas das súas augas, a convocatoria dun Consello Municipal de Medio Ambiente para tratar as liñas de actuación respeito desta canteira; e instar á Xunta a dar pasos firmes e decididos para a protección ambiental da capital de Galicia, que vaian encamiñados a frear calquera intento empresarial de crear novos vertedoiros de residuos.

Compartir: