ALCALDÍA

Recepción a Javier Solana

13/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a Javier Solana, ex-representante da Política Exrterior e de Seguridade Común da Unión Europea, que esta tarde, ás oito, recollerá, no Paraninfo da USC, o XXV Premio Internacional Grupo Compostela de Universidades.

Este galardón concédese anualmente a unha persoa ou institución destacada polo seu labor en favor da unidade europea, a preservación do patrimonio cultural do Camiño de Santiago e dos seus valores; entre eles o símbolo, creación e orixe do concepto de Europa.

Na recepción, na que asinou no libro de Honra da Cidade, tamén estaban presentes representantes dos distintos grupos municipais: Sindo Guinarte, portavoz do Grupo Socialista; José Antonio Constenla, edil do PP; e as voceiras de Compostela Aberta, Marta Lois; e do BNG, Goretti Sanmartín.

Javier Solana
Francisco Javier Solana de Madariaga, nado en Madrid o 14 de xullo de 1942, é un político, físico e diplomático español. Foi, desde o ano 1999 ó 2009, representante da Política Exterior e de Seguridade Común da Unión Europea. Anteriormente, de 1995 a 1999 ocupara o cargo de secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Foi ministro de Cultura (1982–1988), de Educación e Ciencia (1988–1992), de Asuntos Exteriores (1992–1995) e voceiro do Goberno (1985-1988).

En 2007, recibiu o Premio Carlomagno da cidade de Aquisgrán, que distingue a personalidades polos seus servizos á unidade e ó progreso de Europa, e pola súa contribución á paz.

Compartir: