ACCIÓN CULTURAL

A danza de Marta Alonso e o circo da compañía Hotel Iocandi volven a Compostela co Festival C

20/08/2021 O Festival C inclúe na súa cuarta semana novos espectáculos de danza e circo para público adulto por conta de destacadas compañías da escena galega e estatal.

A coreógrafa e bailarina Marta Alonso, fundadora de TrasPediante, será a encargada de abrir a programación semanal o luns 23 de agosto ás 20.00 horas no parque de Bonaval. Esta creadora galega hiperactiva e multidisciplinar é prolífica en creacións nas que o baile, o humor, a interacción co público e a proximidade xeran unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do esperanzador e do común que se comparte na escena. Co seu traballo Dancin' Queen, unha peza de 15 minutos de duración, procura facernos lembrar e volver gozar a danza.

A seguir coa axenda escénica, o xoves 26 temos unha nova cita co circo no paseo central da Alameda. Hotel iocandi, a compañía circense nacida entre Barcelona e Mallorca e formada por Tomeu Amer, Griselda Juncà a Joana Gomila, representará en Compostela Peix, un espectáculo de rúa de pequeno formato baseado no mundo do circo e dos pallasos. Desde a poética do absurdo, Peix chama á reflexión sobre o impacto do turismo, sobre a loita de poderes, sobre o baleiro, o silencio e a soidade fronte á inmensidade, sobre a ridiculez de facernos maiores e a nostalxia de sermos pequenos. Convídanos a unha viaxe metafórica cara ás profundidades humanas para procurar o que nos impulsa a seguir nadando, remando a pesar da magnitude e a forza imprevisible e sempre sorprendente da ondada. Este espectáculo, recomedado para maiores de 7 anos, comezará ás 20.00 horas.

Na programación semanal topamos aínda novas sesións de contos, poesía e cinema. O martes 24, Magín Blanco narrará no parque de Bonaval O que levamos nas maletas. A partir das 18.00 horas, o creador de obras como Gatuxo, María Fumaça ou Rosalía Pequeniña interpretará en directo unha selección de temas musicais para público infantil da súa autoría acompañados dunha narración. Esta sesión de contos musicados, que forma parte do programa Apego, procura aguilloar a creatividade de nenas e nenos e a súa curiosidade polas palabras, pola lingua, polas letras e pola música para que poidan tecer o seu propio universo creativo.

Tamén o martes, e a partir das 21.30 horas, o paseo central da Alameda vira de novo en sala de cinema. O abeiro do ciclo de cinema romanés, proxectarase daquela Uppercase Print, de Radu Jude (2019). O filme lévanos á Romanía dos anos 80, na que o ditador Ceaucescu escribe a historia oficial coa axuda da televisión nacional. Baseada en feitos reais, e con mestura de ficción e documental, a fita retrata a detención e o acoso experimentados por Mugur Călinescu, un adolescente que escribe outra historia nas paredes, con mensaxes de protesta contra o réxime. Estas proxeccións contan coa colaboración do Instituto de Cultura Romanés.

Promovidos por Apiario Editora, os encontros do ciclo "Poemas no estío" rematan tamén esta semana cunha sesión que combina poesía e cerámica e á que poderemos asistir o mércores 25 a partir das 20.00 horas no paseo da Ferradura. _Ourografías: Scène 1_ é un estudo performativo arredor do son, o movemento e a materialidade da voz poética, unha coreografía coa palabra intervida no espazo como pedra angular. Unha posta en acción de Helena Salgueiro e Verónica Moar nun mapa arquitectónico onde o corpo, a poesía e a cerámica debuxan unha liña temporal e sonora.

De Lugares e Órganos
A cuarta semana do Festival C dá a benvida á sexta edición do ciclo De Lugares e Órganos, o programa que procura dar a coñecer o patrimonio organístico da nosa cidade. A organista e cimbalista Corina Marti iniciará a programación musical o martes 24 ás 20.30 horas na igrexa de Santa Clara. Na compaña das voces de Ana María Fonseca e Maria Bayley e da arpa desta última, interpretará un repertorio concibido en exclusiva para o órgano histórico do convento, un dos máis antigos de Galicia. Nel escoitaremos pezas dos séculos XV e XVI procedentes de cancioneiros ibéricos e danzas arranxadas para órgano xa naquela época, xunto a composicións dos grandes organistas dos séculos XVI e XVII.

O mércores 25 de agosto, a partir das 17.30 horas, Marco Aurélio Brescia conducirá no coro alto de San Domingos de Bonaval unha conversa sobre o órgano colonial e as relacións musicais cos territorios alén mar. Este experto coñecedor dos repertorios de música para tecla de tradición ibérica e italiana dos séculos XVI a XIX interpretará ao clavicordio algunhas pezas representativas destes repertorios.

Xa o xoves 26 ás 20.30 horas, o órgano da igrexa das Ánimas percutido polo mesmo Marco Aurélio Brescia será o elemento condutor dun programa entre continentes que dá conta do frutífero encontro entre as músicas de ambas as dúas beiras do Atlántico. Canda el, a frautista e cantante arxentina Diana Baroni e o multiinstrumentista Rafael Guel, xúntanse con músicos galegos que navegan por diferentes estilos e influencias, desde a música antiga ao jazz, para ofrecer unha apaixonante travesía entre dous mundos.

A programación semanal inclúe tamén unha matiné o sábado 28 de agosto ás 12.30 horas na grexa das Ánimas con María José Cerviño. Este formato de concerto de 20 minutos de duración procura descubrirnos os órganos históricos da cidade na compaña dos seus organistas oficiais para que coñezamos de primeira man este oficio e profundemos na riqueza dos patrimonio organístico compostelán.

Festival C 2021
Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, o Festival C esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade e conta coa colaboración doutros programas e institucións como o circuíto Danza a Escena do INAEM ou o Instituto de Cultura Romanés.

As entradas para actividades e concertos son de balde previa retirada dos convites que xa están dispoñibles na web compostelacultura.gal. ou na ZonaC. Punto de información Cultural de martes a sábado en horario de 11 a 14 horas.

Compartir: