MEDIO RURAL

Aberto o prazo de presentación de ofertas para a mellora do vial entre San Andrés de Barciela e o cruce de Candelabeira; e a ampliación da rede de abastecemento a Piñeiro, Frades e Gunín

13/08/2021 Ata o 6 de setembro está aberto o prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación das obras de mellora da vía que vai desde a igrexa de San Andrés de Barciela ata o cruce da Candelabeira; e de ampliación da rede de abastecemento de auga a Piñeiro, Frades e Gunín, na parroquia de Enfesta. As dúas actuacións están promovidas pola concellaría de Medio Rural, que dirixe José Manuel Pichel, en coordinación coa Deputación da Coruña, dentro do Plan Único de Concellos (POS+). Neste momento, e incluíndo estas dúas actuacións, a concellaría de Medio Rural está executando ou en proceso de licitación, sete obras destacadas, cun orzamento total de 1 363 668.3 euros.

A primeira das actuacións, a mellora do vial, conta cun orzamento de 260.000 euros, financiados pola Deputación da Coruña, e un prazo de execución, desde o inicio das obras, de 4 meses. Os traballos consistirán no acondicionamento e mellora de 2,2 quilómetros de firme. José Manuel Pichel explicou que se procederá "ao acondicionamento da plataforma do vial e das súas marxes". Nos tramos residenciais instalarase unha rede soterrada de colectores e sumidoiros de augas pluvias e no resto realizarase unha limpeza e reperfilado. A continuación, botarase unha capa de cinco centímetros de "mestura bituminosa en quente, e procederase á formación de plataforma de formigón para os apeadoiros dos servizos de transporte", así como a substitución da sinalización deteriorada e o pintado da nova sinalización horizontal.

Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, as obras "constitúen a segunda fase para a mellora do vial principal de acceso á parroquia de Cesar dende a estrada N-550, desde as inmediacións do río Tambre no lugar de Sigüeiro". A primeira fase, desde o cruce de Candelabeira ata Casas de Arriba, xa se puxo en servizo en decembro de 2018.

O concelleiro indicou que para completar a mellora do vial, "estase tramitando o expediente da terceira e derradeira fase entre o enlace coa estrada N-550 e o acceso ao conxunto parroquial de San Andrés da Barciela". Este tramo, subliñou, "atópase dentro do ámbito de protección do Camiño Inglés, e require un deseño específico segundo a Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago, así como a autorización da dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A obra, que está a licitación no perfil do contratante do Concello de Santiago, forma parte dunha actuación global para a mellora dos diferentes tramos da estrada que vai desde a contorna da N-550 en Barciela, ata Casas de Arriba en Cesar.

Ampliación da rede de abastecemento a Piñeiro, Frades e Gunín
Ata o 6 de setembro tamén está aberto o prazo para a presentación de ofertas para as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga a Piñeiro, Frades e Gunín, tamén no marco do Plan Único de Concellos (POS+), da deputación da Coruña

As obras que se se van executar consisten na prolongación do servizo municipal de abastecemento aos lugares antes citados, todos pertencentes á parroquia de Enfesta. Estas actuacións contan cun orzamento de licitación de 84.767,90 euros e un prazo de execución de catro meses.

Segundo explicou José Manuel Pichel, o seu desenvolvemento requirirá entre outras actuacións, "o tendido de 2.563 metros de canalización de abastecemento; a instalación de elementos de control e manobra", e a reposición dos servizos afectados.

As persoas interesadas xa poden tramitar a súa solicitude de alta no servizo a través da concesionaria municipal, co obxectivo, sinalou o concelleiro, de "coordinar as acutacións simultáneas das conexións domiciliadas á nova rede".

Outras actuacións
Neste momento, e incluíndo estas dúas actuacións, a concellaría de Medio Rural está executando ou en proceso de licitación sete obras destacadas, cun orzamento total de 1 363 668.3 euros.

As obras en execución son a mellora e acondicionamento do local sociocultural da Peregrina, cun orzamento de ade 104.323,07 euros e un prazo de execución de catro meses; e a reparación e consolidación da Ponte de Vidán, por un importe de adxudicación de 376.649,68 euros e un prazo de execución de cinco meses. A maiores, tamén se están executando distintos traballos de conservación, mantemento e reparación de pavimentos en viarios da zona rural; e a roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, sendas fluviais e parcelas municipais.

As obras en estado de tramitación para a súa posterior adxudicación son a reforma do viario A Pajuela-Campo da festa de Marrozos (fase II), que conta cun orzamento de licitación de 234.272,38 euros e un prazo de execución de tres meses. A esta cómpre engadir outras dúas licitacións en proceso de avaliación de ofertas. Son a ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira, cun orzamento de licitación de 152.000 euros e un prazo de execución de 4 meses; e a ampliación da rede de abastecemento en A Ponte Alvar, licitada por un importe de 151.655,27 euros e un prazo de execución de tres meses.
·

Compartir: