IGUALDADE

Santiago de Compostela, cidade segura e libre de violencias sexuais

20/07/2021 Durante as Festas do Apóstolo estará dispoñible o Punto Lila no Parque da Alameda e no Parque de Galeras. Os concelleiros de Igualdade, Mercedes Rosón; de Festas, Gonzalo Muíños; e de Turismo, Sindo Guinarte, achegáronse ata o espazo situado na Alameda.

Baixo o lema "Santiago de Compostela, cidade segura e libre de violencias sexuais" reclámase a necesidade de garantir a celebración das festas nun marco de seguridade, igualdade e respecto para todas as persoas que se acheguen e participen nos festexos.

No Punto Lila facilitarase información e materiais de sensibilización para a prevención das violencias machistas, facendo fincapé nas violencias sexuais. Tamén se ofrecerá atención e acompañamento ante posibles episodios de violencias machistas. Este espazo de asesoramento e atención estará dispoñible en dúas localizacións: Parque da Alameda e Parque de Galeras; e estará aberto do 21 ata o 31 de xullo, facendo coincidir os seus horarios de apertura cos de celebración de eventos. Así, abrirá de luns a venres en horario de 12.00 a 13.30 e de todos os días de 20.00 a 1.00 da noite.

A coordinación do funcionamento do Punto Lila corre a cargo do Centro de Información ás Mulleres de Compostela. Cada Punto Lila contará cun equipo formado por un mínimo de 3 persoas expertas en materia de xénero e violencias machistas, entre elas psicólogas especialistas en prevención e intervención en violencia de xénero. Así mesmo, disporase de material informativo e divulgativo sobre os recursos e servizos especializados, de sensibilización, etc. Ademais, contarase con materiais de agasallo e actividades de sensibilización dirixidas ás persoas que se achegan ata o Punto Lila.

Esta iniciativa ten varias finalidades. Por unha banda, ofrecer información dos recursos e servizos especializados cos que conta o Concello en materia de violencia de xénero e demais violencias machistas, pero tamén concienciar e proporcionar información sobre as distintas formas e manifestacións das violencias sexuais. Por outra banda, facilitar asesoramento sobre que facer en caso de sufrir ou presenciar algunha situación de violencia sexual ou calquera outra violencia machista durante as festas. E, por suposto, ofrecer atención e apoio ás persoas que poidan sufrir unha agresión machista durante a celebración dos eventos.

Compartir: