SEGURIDADE CIDADÁ

"Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022", o novo dispositivo da Policía Nacional para o Camiño de Santiago

16/07/2021 O director xeral da Policía, Francisco Pardo Piqueras, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi o programa "Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022", o dispositivo de seguridade da Policía Nacional para garantir a seguridade dos peregrinos e dos turistas que percorren as diferentes etapas do Camiño de Santiago. O acto contou coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.

Sánchez Bugallo agradeceu á Policía o despregamento que realiza e vai realizar durante este binomio santo. "Os peregrinos saben que teñen unha ruta segura", indicou e lembrou tamén o importante papel realizado polos corpos e forzas de seguridade durante o tempo de pandemia.

Pola súa banda, Pardo Piqueras anunciou a sinatura dun protocolo entre entre a Dirección Xeral da Policía e a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, no que se recollen tres liñas de actuación para as que ambas as institucións traballarán de forma coordinada. A primeira delas é previr e reducir a delincuencia nas distintas rutas xacobeas, para que peregrinos, organizadores e turistas en xeral gocen dunha contorna máis segura. A segunda é intercambiar experiencias e coñecementos para promocionar o Camiño e aumentar os niveis de seguridade, mentres que, por último, preténdese levar a cabo unha difusión mediática das accións de colaboración emprendidas para proxectar a idea dun Camiño seguro, tanto en España como fóra das súas fronteiras.

"A nosa misión principal será dar seguridade en todas as rutas do Camiño de Santiago aos máis de 400.000 peregrinos que se esperan neste ano xubilar. Neste dispositivo damos moita importancia á información e á comunicación co peregrino e, por iso, a partir de agora, nas dependencias da Policía Nacional que se atopan nas diferentes rutas do Camiño existirá un policía como punto de contacto co peregrino", sinalou Pardo Piqueras.

Estes policías serán os encargados de fomentar a difusión e a protección do Camiño, de colaborar coas institucións e organismos implicados, de organizar actividades de promoción e, por último, de difundir información e consellos para percorrer con seguridade os distintos traxectos. Así mesmo, elaborouse e difundido carteis e dípticos para informar e aconsellar aos peregrinos desde as propias dependencias policiais.

Este material divulgativo inclúe un código QR para un rápido acceso ao espazo que se dedicou na páxina web da Policía Nacional, www.policia.es, co fin de favorecer un ano xubilar seguro. Nela, os peregrinos poderán atopar consellos de seguridade ao peregrino, xeolocalización da comisaría máis próxima, os puntos de selado agrupados por camiño e, mesmo, a posibilidade de descargarse a cartilla de selado.

Selos da Policía Nacional para conseguir a Compostela
Pardo Piqueras tamén anunciou que as propias comisarías e outras dependencias da Policía Nacional establecidas ao longo dos diferentes camiños convértense, a partir destes momentos, en centros oficiais de selado de credenciais, requisito necesario para os peregrinos que desexen pasar a noite nos albergues e para obter a Compostela unha vez completada a ruta coa súa chegada á catedral.

Xunto a iso, tamén sinalou que a Policía Nacional encargou aos conselleiros e agregados de Interior, despregados por todo o mundo, que actúen como embaixadores policiais do Camiño de Santiago. Encoméndaselles promocionar o Camiño e aumentar a colaboración cos corpos policiais doutros países, o que redundará nunha mellora dos niveis de seguridade. De igual forma, en España continuará a presenza de policías deses países patrullando con axentes da Policía Nacional para asistir aos peregrinos e aos turistas estranxeiros.
As funcións destes policías, procedentes de Alemaña, Francia, Italia e Portugal, principalmente, serán, entre outras, realizar patrullas preferentemente a pé, pero tamén en vehículo, para previr a delincuencia na vía pública. Tamén tomarán contacto co cidadán en xeral e, en particular, cos turistas das súas nacionalidades para asistirlles en labores de tradución e para axudarlles e darlles apoio nas denuncias cidadás. Eses policías estranxeiros patrullarán co seu uniforme nacional de servizo.

Unha das unidades da Policía Nacional que participa ao longo do Camiño é a Unidade de Cabalaría. As súas bases atópanse en Santiago de Compostela e en Pontevedra, desprazándose aos diversos puntos onde son requiridos segundo as circunstancias.

Compartir: