ALCALDÍA

O alcalde de Santiago recibe unha delegación de Pistoia, cidade italiana moi vinculada ao Apóstolo

09/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, recibiron hoxe unha delegación da cidade de Pistoia, encabezada polo responsable de Turismo deste municipio italiano, Alessandro Sabella.

No encontro afondouse nos vínculos que unen a Santiago de Compostela con Pistoia. A pesares dos 2.505 quilómetros que separan ámbalas dúas cidades, Pistoia é unha cidade moi vinculada á ruta xacobea, que ten a Santiago como referente; tanto é así que se denomina a si mesma como "a pequena Santiago". Trátase dun vínculo histórico que se remonta ao século XII. Segundo a tradición, conservan unha reliquia do Apóstolo nunha catedral adicada a Santiago, que tamén conta cunha Porta Santa e cun altar en prata que relata a súa vida, tal e como se describe no Códice Calixtino.

Ese altar en prata pódese coñecer na exposición que esta tarde se inaugura na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, denominada "O altar de prata de Santiago de Pistoia". Un acto ao que está previsto que asistan o alcalde, Sánchez Bugallo e o concelleiro Sindo Guinarte.

O vínculoentre Pistoia e Santiago de Compostela remóntase a 1145, cando o bispo de Vallombrosan Atto fixo traer a Pistoia unha reliquia do corpo do Apóstolo, unha partícula do óso do cranio, doada a Pistoia polo arcebispo de Compostela. Para protexela, construíuse o citado altar de prata, situado no interior da Catedral de San Zeno en Pistoia.

Os horarios e visita da mostra serán de once da mañá a dúas da tarde; e de cinco da tarde a nove da noite de luns a sábado. A exposición permanecerá en Santiago ata o 28 de agosto.

O horario de visita a partir do día da inauguración será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, de luns a sábado, entre o 10 de xullo e o 28 de agosto.

Compartir: