USCénica 2021 bota o peche á súa segunda edición
09/07/2021 USCécnica remata este sábado 10 a súa programación de 2021 cun concerto de peche. En opinión de Roberto Salgueiro, director de USCénica, a continuidade por segundo ano deste programa cultural é "unha boa noticia para o teatro, para a Universidade e para a cultura". Así o manifestou este mañá no transcurso dunha xuntanza que o reitor Antonio López mantivo cunha representación dos artistas escénicos e musicais que interviñeron nas últimas semanas no ciclo e na que tamén participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Xurxo Couto Rodríguez, deputado provincial de Cultura da Coruña; e Mar Lorenzo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizo, institucións que apoiaron o desenvolvemento do programa.
O reitor agradeceu o traballo realizado polas distintas compañías así como o esforzo de dar continuidade a unha actividade que pon en valor a cultura como punto de encontro, a pesar dos condicionantes da situación sanitaria. Por outra banda o director do festival, quen considera que esta fórmula de traballo escénico "chegou para quedarse", subliñou que o certame experimentou un incremento de espectadores. Ademais, nesta edición a programación engadiu novas propostas en forma de vídeo proxeccións de pezas teatrais, encontros con creadores e cursos de teatro, neste último caso coa colaboración de Banco Santander que, ademais de ter colectado unha boa percepción, reforzaron "o carácter íntimo e a proximidade entre as compañías e o público".O feito de que sexa unha iniciativa promovida dende a Universidade, ten marcado o perfil de USCénica, de xeito que "a investigación ou os procesos de busca, son parámetros que determinan a súa personalidade", indicou Roberto Salgueiro. Así, as propostas escénicas presentadas foron "traballos innovadores, á procura de novas linguaxes escénicas". No seu desenvolvemento, estiveron implicados na parte creativa preto de medio cento de actores e actrices, así como unha ducia de artistas musicais e cinco creadores.