XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os convenios de colaboración e as subvencións para oito entidades, a maioría de carácter social, por un total de 146.500 euros

07/07/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, aprobou os textos dos convenios de colaboración con oito entidades, así como as contías das subvencións, que ascenden, en total, a 146.500 euros. Estas axudas estarán destinadas a financiar as distintas actividades que desenvolven estes organismos e asociacións, sete delas de carácter social.

Estas entidades son a Cociña Económica de Santiago, á que se destinarán 60.000 euros; a mesma cantidade que se establece para a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Saúde Mental FEAFES-Galicia).

A subvención para a Fundación Down Compostela será de 10.000 euros, a destinada á Escola de tempo libre e animación sociocultural Don Bosco, de 5.000; e a da Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos dos enfermos mentais de 3.500 euros. A Asociación de Pais de Persoas con Transtrono de Espectro Autista (T.E.A.), subvencionarase con 3.000 euros; cantidade igual á que percibirá a "Fundación ANDREA de apoyo a los niños con enfermedades de larga duración, crónicas o terminales". Tamén se destinarán 2.000 euros ao convenio de colaboración co Colexio de Avogados de Santiago.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén acordou dar orde á empresa Agroneras S.L., adxudicataria do servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais, para que a partir do 12 de xullo, e ata o 11 de decembro de 2021, continúe a prestación do servizo nas mesmas condicións baixo as que o viña facendo; mentres se procede á adxudicación da nova prestación. O orzamento para estes 5 meses, nos que se manterá a facturación actual, ascende á cantidade de 7.459,15 euro, IVE engadido.

Documentos relacionados



Compartir: