ALCALDÍA

Nova xuntanza do Consello Económico e Social

28/06/2021 O Consello Económico e Social do Concello de Santiago xuntarase de novo esta tarde, ás 19.00 horas, no edificio CERSIA, para dar conta do estado dos diferentes estudos sobre os que está a traballar.

Como adiantou o alcade de Santiago, a orde do día da xuntanza desta tarde, a terceira dende que se retomou o funcionamento do CES, prevé a actualización da análise da evolución socioeconómica de Santiago de Compostela, a cargo da USC, "que está facendo un seguimento de como está afectando a crise derivada da COVID aos diferentes ámbitos económicos e sociais da cidade". Prevese que expoñan os datos recollidos ata o de agora e as previsións futuras.

Tamén se presentará "a diagnose consensuado da Cohesión Social: Retos e desafíos identificados nos diferentes ámbitos", informarase das medidas de reactivación económica adoptadas polo Concello de Santiago e presentarase o avance do proxecto de Axenda Urbana 2030.

Sánchez Bugallo sinalou que "o obxectivo desta reunión non é pechar conclusións", senón poñer en común o avanzado dende a última xuntanza e fixar unha nova na que, tralo estudo da documentación por parte dos membros do CES, estes poidan facer as súas achegas.

Consello Económico e Social
O Consello Económico e Social é un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Santiago e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello. Entre as súas funcións figuran:
- Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do orzamento municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.
- Elaborar informes, ditames ou estudios, de oficio ou a instancia do Concello de Santiago, en calquera asunto de carácter económico e social.
- Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.
- Propoñer solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Santiago.
- Coñecer as medidas de planificación económica e social que se elaboren polo Concello de Santiago e que afectan de forma xeral aos intereses do municipio.
- Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do municipio.

O Consello Económico e Social, presidido polo alcalde, conta con integrantes de todos os grupos municipais. Ademais, están representados neste órgano, a través dos seus titulares, a Universidade de Santiago; os sindicatos UXT, CC OO, CIG, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego; Compostela Monumental; Área Empresarial do Tambre; Asociación Punto Compostela; Fundación Santiago Centro; Hostalería Compostela; Confederación de Empresarios de Galicia; Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Círculo Financeiro de Santiago.

Compartir: