POLÍTICAS SOCIAIS

Afundación, ABANCA e o Concello de Santiago entregarán durante as vacacións menús a escolares de familias vulnerables

28/06/2021 Afundación, ABANCA e o Concello de Santiago de Compostela poñerán en marcha por segundo ano consecutivo o programa «Cubertos», que proporcionará menús saudables a menores en risco de pobreza ou exclusión social durante as vacacións escolares. Para este fin, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente de Afundación e director xeral de Responsabilidade Social e Sostibilidade de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, asinaron esta tarde o convenio de colaboración para o desenvolvemento deste proxecto enmarcado na liña de impulso social de Afundación. No acto tamén estiveron presentes a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, e o edil de Educación, Rubén Prol.

O obxectivo de «Cubertos» é apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor. Esta é segunda vez que se leva a cabo o programa na cidade.

O programa «Cubertos» desenvolverase nos meses de xullo e agosto en Santiago, ademais de na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. En palabras do presidente de Afundación e director xeral de Responsabilidade Social e Sostibilidade de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, «A pandemia da COVID-19, que sacudiu á humanidade completa, puxo de relevo a importancia vital do concepto de confraternidade, de solidariedade, entendendo que vivir é sinónimo de axudar, de coidar e de estar en relación cos nosos semellantes. Esta é a esencia do programa «Cubertos», no que resulta imprescindible, ademais do apoio fundamental do Concello de Santiago de Compostela, o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de ABANCA e os 120 voluntarios e voluntarias tanto de ABANCA como de Afundación que velarán polo seu correcto funcionamento, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo ás familias». Así mesmo, habilitaranse un total de 15 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias, con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, agradeceu a colaboración da entidade, que vén complementar o servizo prestado polo concello durante o curso escolar.

Os menús prepáranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais. Ademais, na elaboración dos menús atenderase ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.

ABANCA e Afundación impulsan este programa dentro do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, conscientes do impacto económico que continúa provocando o coronavirus, máis aló da súa grave repercusión sanitaria. Ambas as entidades secundan o obxectivo común das administracións e entidades de iniciativa social de mobilizar a solidariedade cidadá e das empresas, fomentando ademais o voluntariado e a responsabilidade compartida na construción dunha sociedade máis xusta e cohesiva.

Compartir: