IGUALDADE

O Concello de Santiago celebra o Día Internacional do Orgullo LGTBI+

28/06/2021 O palco da música da Alameda acolleu esta mañá o acto central de celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, no que se deu lectura a un manifesto por parte de varias asociacións da cidade. No acto estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón; asi como membros dos Grupos de Compostela Aberta e BNG.

Indica o manifesto:

"O día 28 de xuño reivindícase e celébrase cada ano o orgullo LGBTI+, lembrándonos a necesidade de defender con firmeza cada día o respecto á dignidade de todas as persoas e o recoñecemento da enorme riqueza humana expresada na diversidade sexual e de xénero.

En 1981, o Consello de Europa declaraba o dereito á autodeterminación sexual de homes e mulleres, desaprobando así calquera tipo de discriminación ou práctica vexatoria contra as persoas gais ou lesbianas, e instando aos estados membros a asegurar o cumprimento do principio de igualdade de trato e non discriminación. Asemade, avanzando nesta dirección, en 2015 adoptou unha resolución contra a discriminación das persoas Trans* en Europa na que se pide aos Estados membros que desenvolvan instrumentos lexislativos para loitar contra a secuela que supón a discriminación e os crimes de odio contra as persoas trans*, e adopten procedementos transparentes e accesibles para o recoñecemento legal da identidade de xénero sobre o recoñecemento á libre autodeterminación.

Con todo, e a pesares dos avances en materia de dereitos LGBTI+ no Estado español, quedan moitas materias pendentes que deben ser abordadas con urxencia; especialmente aquelas relativas á loita contra a discriminación e a patoloxización de todas as identidades trans*. As enquisas e os informes elaborados por asociacións ou organismos institucionais móstrannos a crúa realidade de discriminación e estigmatización que viven as persoas trans*, e sinalan o crecente aumento do discurso de odio e crimes LGBTIfóbicos en toda a UE.

A este diagnóstico, úneselle a situación de crise sanitaria e social sobrevinda por mor da pandemia do COVID-19, na que se constatou que a orientación sexual e a identidade de xénero poden ser eixos de especial vulnerabilidade, polo que se fai necesario incluír unha perspectiva interseccional de xénero e LGBTI+ en todas as iniciativas que desde as institucións poñamos en marcha, para dar resposta á crise do coronavirus.

Neste contexto, os concellos, como gobernos locais son axentes indispensables na protección dos dereitos e as liberdades de toda a cidadanía, priorizando a defensa dos dereitos humanos e enmarcando a súa acción na transparencia e o diálogo cos colectivos e asociacións LGBTI+.

Por iso:
- Condenamos calquera discriminación contra gais, lesbianas, bisexuais, trans*, intersexuais e demais membros do colectivo LGBTI+
- Manifestamos a nosa preocupación ante o aumento do discurso de odio e violencia por orientación sexual ou identidade de xénero.
- Recoñecemos o traballo das asociacións, colectivos e activistas LGBTI+ e apoiamos todas as súas accións encamiñadas á defensa da igualdade e á loita contra a discriminación das persoas LGBTI.
- Instamos ao Goberno de España a desenvolver unha lei trans* que garanta a autodeterminación de xénero e a despatoloxización de todas as identidades trans*, e unha lei contra a discriminación LGBTI+.
- Instamos á Xunta de Galicia a desenvolver o marco normativo da lei 2/2014 e a aprobar unha lei integran trans galega.
- Manifestamos o compromiso da nosa cidade co colectivo LGBTI+ impulsando a creación do consello municipal LGBTI+ e la elaboración dun estudo particularizado sobre as necesidades das persoas LGBTI+ de Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: