MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local realizou 826 probas de alcol e drogas a pasada semana, cun resultado de 22 positivos

25/06/2021 Durante a pasada semana, do 16 ao 22 de xuño, a Policía Local adheriuse á campaña de vixilancia e control da taxa de alcol e outras drogas promovida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Os/as axentes realizaron 826 probas, cun resultado final de 22 positivos.

En total, a Policía Local efectuou 799 controis de alcolemia, cun balance final de 18 positivos (o 2,25%) e 781 negativos (97,75%). No caso da presenza de drogas, os/as axentes realizaron 27 probas, das que catro deron positivo (o 14,81%) e 23, negativo (85,19%). A metade dos positivos en drogas revelaron consumo de cocaína e outro o 50%, cannabis.

Ningún condutor se negou a efectuar as probas e todos os resultados positivos, tanto de alcol como de drogas, foron tramitados por denuncia administrativa.

Conducta multiplicadora dos riscos
A presenza de alcol durante a condución, dependendo da taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada cos accidentes, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

En calquera caso, aínda con taxas de alcolemia dentro das marxes legais permitidas, o noso nivel de risco de accidente de tráfico pode verse incrementado. A única taxa segura é 0,0%.

Por outra parte, conducir despois do consumo de substancias psicoactivas é un feito preocupantemente frecuente, sendo o cannabis (THC) e a cocaína as máis habituais. Os opiáceos e as anfetaminas teñen unha presenza menor. O consumo simultáneo de substancias demostrouse coma un comportamento de extremo risco viario.

Compartir: