INNOVACIÓN

Santiago de Compostela renova a súa condición como "Cidade da Ciencia e a Innovación"

26/06/2021 A candidatura presentada por Santiago foi merecente da renovación da distinción de "Cidade da Ciencia e a Innovación", que outorga a Secretaría Xeral de Innovación do
Ministerio de Ciencia e Innovación.

Así llo comunicou a secretaria xeral de Innovación, Teresa Riesgo, ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ao tempo que que lle deu "a miña máis sincera noraboa pola renovación do recoñecemento". O rexedor agradeceu a distinción, que "refrenda os esforzos que está a facer a cidade neste campo".

Distinción
O Ministerio de Ciencia e Innovación creou no ano 2010 (ORDE CIN/2502/2010, de 17 de setembro) a distinción "Cidade da Ciencia e a Innovación", que se outorga a aquelas cidades que se distinguiron no apoio á innovación nos seus territorios, definindo políticas, potenciando estruturas, institucións e empresas locais cun forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador. A distinción recoñece o importante papel das entidades locais na promoción dos seus territorios como elemento crucial que determina o desenvolvemento económico e social.

As cidades distinguidas con este galardón forman parte da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación e da Asociación Red Innpulso (ARINN); un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras onde se comparten experiencias e proxectos. A través desta rede poténciase a colaboración entre concellos, compartindo boas prácticas na xestión e iniciativas de comunicación destes proxectos aos cidadáns.

Actualmente é un axente cada vez máis activo de promoción de políticas novidosas, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e aos emprendedores, a definición de criterios de innovación, e que promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos Programas Europeos.

A cidade de Santiago de Compostela recibiu esta importante distinción en 2014, cando tamén pasou a formar parte tamén da Red Innpulso. O art.9 da citada Orde establece que "a distinción Cidade da Ciencia e a Innovación terá un período de concesión inicial de tres anos, podendo renovarse a mesma mediante resolución da Secretaría Xeral de Innovación, cando o concello distinguido manteña o cumprimento das condicións e requisitos que deron lugar á súa concesión".

Compartir: