MOCIDADE

Ábrese o prazo para inscribirse en Compostela Natural e no roteiro polas marxes do Sarela e o Monte Pedroso, dous obradoiros gratuitos destinados á mocidade

25/06/2021 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, presentou hoxe dúas actividades dirixidas á xuventude de entre 15 e 35 anos: "Compostela Natural", e un roteiro medioambiental polas marxes do Sarela e o Monte Pedroso. Son gratuitas e teñen como obxectivo dar a coñecer e difundir o patrimonio natural, etnolóxico e cultural de distintos parques e espazos emblemáticos de Compostela. Estes dous obradoiros están organizados polo concello de Santiago, en colaboración con Ribeirán Proxectos Naturais e con Garatuxa Tempolibre.

O roteiro medioambiental terá lugar o próximo día 28, de 10:00 h. a 14:00 h. "Compostela Natural" desenvolverase o día 29, no mesmo horario. O prazo para inscribirse xa está aberto. As persoas interesadas poden anotarse a través do correo garatuxatempolibre@gmail.com; especificando a actividade que desexa. En cada unha delas poden participar 30 persoas, que serán seleccionadas por orde de inscrición.

Ademais do concelleiro, na rolda de prensa estivo presente Manuel Allegue Piñeiro, de Ribeirán Proxectos Naturais, que explicou en que consiste cada un dos obradoiros.

Compostela Natural
"Compostela Natural" está estruturado como unha xincana deseñada co obxectivo de dar a coñecer ao público o patrimonio natural e cultural presente nos parques da Alameda, San Domingo de Bonaval e Belvís.

Ao comezo da actividade formaranse grupos de seis participantes que recibirán un sobre coas misións a resolver. Todos os grupos terán que estar atentos, posto que a través do grupo de telegram propoñeranse, de xeito aleatorio, pequenos retos que haberá que ir resolvendo.

Na Alameda descubrirán as árbores senlleiras, as personaxes históricas e as diferentes curiosidades que se esconden neste parque. Poderán crear vídeos publicitarios, resolverán crebacabezas, e indagarán un pouco máis sobre as esculturas e monumentos do parque.

A continuación, terán que atopar os animais responsables dunha "falcatruada" no parque de Bonaval. Por último, os equipos terán que superar a "gran proba final" no Parque de Belvís. Alí, recibirán un código especial, composto polas follas das árbores máis representativas do parque. Unha vez superada a proba, poderán acceder ao labirinto de Belvís onde se atoparán cunha sorpresa final.

Roteiro medioambiental
A segunda das actividades é un roteiro medioambiental polo río Sarela e o Monte Pedroso. A ruta transcorrerá polos diferentes hábitats das marxes do río, como bosque de ribeira, carballeira, matogueiras, pradeiras, etc Tamén se incidirá nos cambios introducidos polo home no seu hábitat.

Ribeirán Proxectos Naturais é unha cooperativa de traballo asociado, cuxo ámbito de traballo é a xestión ambiental, a bioloxía, a divulgación científica e a educación ambiental. Traballa en campos tan diversos como a investigación mariña, a docencia non formal e programas de educación e voluntariado ambiental. Un dos seus cofundadores é Manuel Allegue. Licenciado en bioloxía, director de tempo libre e de campos de traballo, conta cunha ampla experiencia en deseño, xestión e coordinación de programas e actividades de educación e voluntariado ambiental para diferentes administracións públicas.

Compartir: