MEDIO AMBIENTE

O Consello de Administración de ACUAES aproba por 55,9 millóns de euros a adxudicación das obras da nova depuradora de Silvouta, en Santiago de Compostela

24/06/2021 O Consello de Administración da sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico autorizou na súa reunión de hoxe a adxudicación por 55.888.690 euros do contrato para a redacción do proxecto construtivo, execución, posta en marcha e explotación da nova estación depuradora de augas residuais de Silvouta, en Santiago de Compostela.

Do catro candidatos seleccionados para a segunda fase do diálogo competitivo no procedemento de licitación do contrato, finalmente foi elixida a U. T.E. DRACE INFRAESTRUTURAS, S.A. - VÍAS Y CONSTRUCCIONES S.A. que, trala redacción do proxecto construtivo, disporá dun prazo de 30 meses para a execución dos traballos.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualificou a nova de "moi boa" para a cidade e moi esperada e salientou que "xa fai irreversible o proceso". Sobre os prazos, estímase que a obra esta finalizada en 2025 para poder entrar en servizo en 2026. O primeiro ano a xestión correría a cargo da empresa adxudicataria da obra e despois corresponderíalle ao Concello.

O Consello de Administración de ACUAES autorizou ademais a licitación por 2.754.659 euros dos servizos de asistencia técnica á dirección facultativa na supervisión e control da redacción do proxecto construtivo, da execución, control ambiental, coordinación en seguridade e saúde e da supervisión da posta en marcha da EDAR e da acometida eléctrica da nova instalación.

A execución deste proxecto ten como obxectivo mellorar a calidade das verteduras ao río Sar cunha redución considerable da carga contaminante, segundo esixe a normativa vixente, e resolver os problemas de capacidade hidráulica da actual depuradora.
Xunto á nova instalación, que dará servizo a unha poboación de 277.000 habitantes equivalentes, desenvolveranse as obras de conexión á rede de colectores existentes e dunha nova acometida eléctrica compatible coas necesidades enerxéticas da nova instalación e dotada dunha subministración eléctrica de respaldo.
Está previsto que o proxecto sexa cofinanciado polos fondos Next Generation da Unión Europea, en virtude do convenio de colaboración que ACUAES, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela asinaron o pasado 5 de febreiro para a execución e explotación da instalación.

A adxudicación das obras permite avanzar na construción dunha infraestrutura esencial para Santiago de Compostela, garantindo o crecemento e progreso cara a un modelo de cidade sustentable.

Compartir: