POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello amosa a súa solidariedade coas persoas refuxiadas e condena os delitos de odio

24/06/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; as voceiras dos grupos municipais de CA e BNG, Marta Lois e Goretti Sanmartín; o voceiro do grupo municipal popular, Alejandro Sánchez-Brunete; os tamén concelleiros Xan Duro e Navia Rivas; membros da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas e cidadáns e cidadás de Santiago déronse cita esta mañá na Alameda para inaugurar a exposición "Mira con otros ollos" e manifestar a súa repulsa polos actos vandálicos que sufriron os cubos da mostra, nos que se recolle o nome de 40.555 persoas mortas dende 1993 ata a actualidade por distintas causas, pero todas vinculadas aos procesos de migración e desprazamento.

No acto deuse lectura a un manifesto no que se lembrou a situación que viven no mundo milleiros de persoas desprazadas forzosamente, solicitantes de asilo e apátridas. Os paneis expostos detallan a relación de 40.555 persoas mortas dende 1993 ata a actualidade por distintas causas, pero todas vinculadas aos procesos de migración e desprazamento, e busca concienciar a cidadanía e facerlles saber que detrás de cada persoa falecida hai un nome, unha vida, unha causa e un motivo para fuxir.

No manifesto tamén se condenaron os actos vandálicos que supuxeron o destrozo de varios dos cubos. Sinala o texto que "moitas organizacións, partidos políticos, asociación e cidadáns manifestaron a súa repulsa a estes feitos. E aquí estamos hoxe, non deixando que ninguén empane esta homenaxe e este recoñecemento como sociedade".

A Banda municipal de Música tamén se sumará a esta iniciativa cun concerto hoxe ás 20.00 horas na praza de Praterías.

Documentos relacionados



Compartir: