CENTROS SOCIOCULTURAIS

O concelleiro de Centros Socioculturais anima a veciñanza a inscribirse nas actividades do programa "Vive o Verán"

23/06/2021 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, animou hoxe á cidadanía de Compostela a inscribirse nas actividades programadas a través de "Vive o verán". Xa está aberto o prazo para apuntarse nas accións deseñadas para esta nova edición, que ofertan, só nos centros socioculturais urbanos, 2.160 prazas; ás que se suman máis de 200 nos do rural. Son, recordou, 225 actividades, divididas en sete apartados, destinadas a familias, cativada e adultos.

Javier Fernández compareceu en rolda de prensa para facer balance das inscricións no programa enmarcado en Educa Concilia, "Mañás de Verán", que neste momento aínda se está desenvolvendo na rede de centros socioculturais.

O concelleiro explicou que se programaron 75 prazas, repartidas, a partes iguais, polos centros de Santa Marta, Vite e Fontiñas. "En Vite presentáronse 41 solicitudes, 31 para o mes completo e 10 para as quincenas. Quedaron en lista de agarda dous menores; e hai 30 participantes. En Santa Marta foron 94 solicitudes, 61 para o mes completo e 33 para as quincenas. Quedaron en lista de agarda 60 solicitantes; e hai 34 participantes. En Fontiñas presentáronse 38 solicitudes, 26 para o mes completo e 12 para as quincenas. Quedaron en lista de agarda 8 nenos e nenas; e hai 30 participantes", sinalou.

O concelleiro de Educación, Rubén Prol, tamén fixo balance das accións de conciliación enmarcadas en Educa-Concilia. Sobre o programa English Summer School, explicou que rematado o prazo de presentación de solicitudes, e ao non cubrirse a totalidade das prazas ofertadas, admitiranse novas inscricións por orde de entrada no rexistro xeral do Concello ata completar a totalidade das prazas ofertadas. "Como sabedes, trátase dun programa de balde, que oferta 75 prazas. Un programa que se deseñou desde o departamento de Educación, co obxectivo de darlle unha resposta de a esas 70 familias que quedaron fóra das actividades das Mañás de Verán", destacou.

Segundo explicou, unha vez pechado o prazo de inscrición, recibíranse 73 solicitudes. 10 delas foros rexeitadas por non cumplir a condición de cursar educación primaria. Polo tanto, engadiu, "quedan 63 solicitudes admitidas ata o de agora".

Tamén explicou que nos obradoiros de conciliación das Escolas Infantís, unha vez formalizadas todas as matrículas sobran 10 prazas, "que se ofrecerán a esas dez solicitudes rexeitadas do campamento English Summer School, sempre que cumpran os requisitos".

Compartir: