EDUCACIÓN

O Concello recoñece o labor do persoal docente xubilado neste curso

23/06/2021 O Teatro Principal acolleu o acto de homenaxe que o Concello de Santiago quixo brindar ao profesorado dos centros de ensino de educación infantil, primaria e secundaria de Compostela que se xubilaron neste curso escolar.

Trátase dun acto simbólico de recoñecemento do profesorado, unha ocasión de encontro e de proximidade na que a comunidade educativa representada polos directores e directoras da cidade, o profesorado e o Concello de Santiago expresan o seu agradecemento pola dedicación daqueles profesionais do ensino que inician unha nova andaina vital "que queremos que sexa igualmente xubilosa", como sinalou o alcalde de Santiago, presente no acto, ao igual que o concelleiro de Educación, Rubén Prol.

Sánchez Bugallo agradeceulles o labor prestado ao longo de todos estes anos e reinvindicou o traballo e a pegada que deixan os profesores no seu alumnado. Xubiláronse en total 47 docentes e o conserxe do CEIP Quiroga Palacios, Rafael Rodríguez Ambruñeiras, que tamén se retira despois de máis de 40 anos no centro.

Por parte do profesorado, tomaron a palabra tres docentes en representación da educación na escola rural, da educación primaria e da educación secundaria: Ánxeles Lamas, mestra da escola rural de Gaioso Eixo; Pepe Miguéns Esparís, director do CEIP Lamas de Abade; e Manuel Portas, director do IES Xelmírez I.

O acompañamento musical do acto estivo a cargo de Fixe Trío, unha agrupación que está formada por Xela Conde (na voz), Blanca Marigómez (ao violoncello) e Joel Fontán (na guitarra).

Fixe Trío é un proxecto musical cuxos instrumentos principais son a guitarra, o cello e a voz, ainda que como multiinstrumentistas, engaden ocasionalmente instrumentos coma o violín, as frautas e a percusión. No seu mundo sonoro podemos atopar retazos de músicas de diferentes lugares como Galicia, Portugal, Brasil, Arxentina, Cuba, Chile … Os propios intérpretes son os encargados dos arranxos para conseguir o seu propio son cun toque contemporáneo e interxeracional.

Compartir: