ALCALDÍA

O Concello prevé atender as 525 solicitudes presentadas á convocatoria de axudas ao sector comercial

22/06/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá un novo encontro coas principais asociacións de comerciantes da cidade (Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede, Fundación Santiago Centro, Ourives de Compostela e Asociación de Comercios de Área Central) para seguir falando sobre as axudas previstas para o sector ao abeiro do PRESS, o Plan para a Reactivación Económica e Social de Santiago. No que respecta ás axudas directas, presentáronse 525 solicitudes.

O rexedor agarda poder atender todas as peticións, "se ben é certo que preto de 300 aínda teñen que subsanar ou achegar documentación". Aínda así, "entendemos que hai dipoñibilidade orzamentaria" para cubrir a demanda existente, indicou Sánchez Bugallo. O prazo para a subsanación está aberto ata o vindeiro 2 de xullo.

Na xuntanza tamén se avanzou con respecto a outros dous campos de axudas: o bono aparcamento e o bono compra. En canto ao primeiro, o alcalde indicoulles aos comerciantes que os convenios están pendentes do informe da Asesoría Xurídica e que agarda que poidan ser aprobados a finais de xuño ou a principios de xullo.

Sobre o bono compra, "tal e como está falado coas asociacións", esta liña de axudas poñerase en marcha do 10 de setembro ao 19 de decembro. Precisou Sánchez Bugallo que se barallan dúas opcións: "bonos de 30 euros, co que poderiamos emitir 20.000, ou bonos de 40 euros, co que se emitirían 15.000". O primeiro día da campaña estará reservado para os composteláns e compostelás e a partir de aí abriríase para calquera cidadán.

As asociacións tamén aproveitaron o encontro para avaliar as campañas Prima 21 e a de dinamización comercial durante as fins de semana de xuño, que, salientou o alcalde, "cualificaron de moi exitosas".

Compartir: