TURISMO

Santiago de Compostela premia de novo con visitas guiadas pola cidade

22/06/2021 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou hoxe a segunda edición de Santiago Prémiate acompañado pola Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o presidente da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Tommi Alvarellos. A inicitiava é posible grazas á colaboración entre Turismo de Santiago e a Asociación de Guías.

"Santiago Prémiate", que se desenvolve coa colaboración da Deputación da Coruña, agasalla ás persoas que pernocten en Santiago xa dende esta segunda quincena de xuño con visitas guiadas pola cidade, valoradas en 12 euros. A condición para poder acceder a esta promoción é pasar un mínimo de dúas noites nun hotel ou pensión da cidade.

Segundo Sindo Guinarte, os resultados do edición do 2020, con máis de 1.000 visitas, foron positivos, dadas as circunstancias do momento, con múltiples restricións. Por iso este ano repetirase o programa, incluíndo como novidade unha visita guiada en inglés como premio para o turismo internacional, tendo en conta a posibilidade de movementos entre países e a recuperación de gran parte da conectividade aérea do aeroporto.

Quen se aloxe polo menos como mínimo 2 noites nun hotel ou pensión de Santiago poderá elixir unha visita por persoa, a escoller entre "Tour Peregrino" ou "Compostela Contada". As visitas terán saída garantida todos os días ata o 15 de outubro, dependendo os seus horarios dos meses. Ata o 30 de setembro de 2021 haberá catro saídas diarias: ás 10.00, 12.00, 16.00 e 18.00 horas. A partir de outubro de 2021, ás 12.00 e 16.00.

O "Tour Peregrino" é unha visita guiada que xira arredor da peregrinación e o seu protagonismo na cidade dende o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago. Parte da praza das Praterías e pasa por lugares emblemáticos como a praza do Obradoiro, o antigo cemiterio de peregrinos a carón da igrexa de San Fructuoso, a rúa das Hortas e o mosteiro de San Martiño Pinario.

"Compostela Contada" consiste nun percorrido polas rúas e prazas principais do casco histórico de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Na visita alúdese á historia do Apóstolo Santiago, á orixe da peregrinación e ao desenvolvemento de Santiago de Compostela. O percorrido comeza na praza das Praterías e pasa polas principais prazas e rúas do casco histórico.

Para formalizar a reserva da visita guiada da súa elección, as persoas interesadas deberán enviar un correo a SantiagoTePremia@SantiagoTurismo.com, cun mínimo de 24 horas de antelación á realización da visita solicitada. Deberán indicar o aloxamento e datas da súa estadía en Santiago de Compostela, así como a data e hora elixidas para realizar a visita.

Compartir: