MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O Consello de Administración de TUSSA aproba o proceso de contratación do servizo de cafetería da nova estación de autobuses

19/06/2021 O Consello de administración da Sociedade municipal TUSSA aprobou, entre outros puntos, o procedemento aberto e de tramitación urxente do servizo de seguridade da nova estación de autobuses e da pasarela de acceso á mesma. Tamén deu luz verde ao proceso para a contratación da concesión do servizo para a xestión e explotación da cafetería da citada estación. Este contrato conleva a posta en marcha da cafetería, a instalación de máquinas expendedoras de bebidas frías e quentes e produtos sólidos para a propia estación e para os aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís.

A cafetería funcionará en horario de seis da mañá a doce da madrugada os 365 días do ano. A súa superficie é de 194,45 metros cadrados no interior, aos que se suma unha terraza de 109,98 metros cadrados. A cafetería contará con paneis informativos dos servizos de transporte. As condicións técnicas para o seu acondicionamento garantirán un elevado nivel de funcionalidade e a consecución dunha estética acorde e integradora coa da Estación e o seu conxunto.
TUSSA recibiu o encargo de xestión da estación de autobuses de Santiago e da pasarela de acceso á mesma. Neste xestión está incluida a cafetería, que se entregou diáfana. A súa posta en marcha contribuirá a mellorar a atención e as prestacións a todas as persoas usuarias da estación, e ao persoal que traballa nas instalacións; e contribuirá de xeito positivo no avance de integración do complexo de transportes na cidade e no barrio.

Ademais, con un carácter complementario e con idéntica finalidade, nesta licitación do contrato inclúense a instalación e explotación de máquinas expendedoras de bebidas quentes, frías e de produtos sólidos na propia estación, no aparcadoiro de Xoán XXIII e no aparcadoiro de Belvís.

Outra proposta aprobada no Consello de administración de TUSSA celebrado onte, foi a volta á normalidade horaria no aparcadoiro de Salgueiriños, de oito da mañá a oito da tarde, que será efectiva a partir do vindeiro 1 de xullo. A consecuencia da pandemia, este estacionamento só funciona en horario de mañá. A decisión tomouse tras a análise dos actuais datos. O Consello observou que existe unha progresiva mellora, que non chega a ocupación habitual de antes do estado de alarma, pero indica unha tendencia de recuperación.

Compartir: