POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello renovará a cesión da antiga escola unitaria de San Marcos á Asociación de Persoas Sordas de Santiago

18/06/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polas concelleiras de Urbanismo, Mercedes Rosón; e de Políticas Sociais, Mila Castro, visitou a antiga escola unitaria de San Marcos, cedida á Asociación de Persoas Sordas de Santiago de Compostela (APSSC) para a realización de distintas actividades; e da que agora se vai renovar esa cesión por outros catro anos.

Nos últimos meses, a entidade levou a cabo distintos traballos de acondicionamento e adecentamento no inmoble que o presidente da entidade, José Antonio Pais, e a vicepresidenta, Mari Luz Muíña, lles mostraron o alcalde e as concelleiras. Entre as obras realizadas destacan distintos traballos de limpieza e pintura, tanto no exterior como no interior; ou a unión dos dous baños e posterior reforma para dotalo de accesibilidade. Tamén se levantou o antigo chan e se colocou un novo, cambiáronse as portas interiores, e se instalou illante nunha parte das paredes. Queda pendente, e así llo trasladaron a Sánchez Bugallo, a colocación dun cartel co nome da asociación na fachada do edificio.

O alcalde lembrou como a asociación se foi consolidando e desenvolvendo nas últimas décadas "e sobre todo, e o máis importante, como as persoas sordas ocupan o seu posto na sociedade. Unha sociedade avanzada, autenticamente democrática e que é capaza de ofrecer unha igualdade de oportunidades e de posibilidades a todos os seus membros". Xosé Sánchez Bugallo destacou o "importante papel de entidades como a vosa, porque axuda ás familias a comprender, axuda a compartir experiencias, e a evitar que ningunha persoa se sinta soia". O rexedor agradeceu o labor da APSSC: "para o concello, pór á vosa disposición un local como este é un grato deber. E comprobar como vós o arranxades con cariño, con esforzo, e o convertedes en algo útil á sociedade paréceme marabilloso".

Mila Castro foi a primeira en intervir. A concelleira de Políticas Sociais, felicitounos polo traballo realizado, e amosoulles o apoio do seu departamento e do goberno municipal: "xa sabedes que tedes as portas do concello sempre abertas", sinalou. A continuación, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, confirmoulle esa cesión do local, de "xeito inminente"; o que agradeceu o presidente da APSS.
A vella escola unitaria atópase no número 53 da rúa de San Marcos, nunha parcela de 1.463 metros cadrados, que conta cunha zoa exterior con árbores, xardín, explanada empedrada, e unha edificación a dúas alturas.

O inmoble construíuse nos anos sesenta coma escola unitaria. É de planta alongada rectangular e consta de dous andares. Nesta edificiación estivo instalado un grupo escolar, composto de dúas seccións ou unidades escolares, cos aseos e dúas vivendas para o mestre. Máis recentemente foi construído un anexo ao edificio, alongando a súa planta rectangular.

En 2017, o Concello de Santiago autorizou á APSSC, por catro anos, o uso exclusivo dos espacios exteriores, así como das aulas 1, 2, 4 e 5, espazo aberto, cociña e baños e compartido dos espazos comúns situados na planta baixa e primeira e escaleiras da antiga escola unitaria; para a realización de actividades relacionadas coa integración de persoas sordas. Unha cesión que caduca en agosto, da que xa está solicitada a renovación, e que se lle vai conceder por parte do goberno municipal.

Compartir: