ALCALDÍA

Adif presenta en Santiago o proxecto da nova estación de tren

18/06/2021 O salón nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto formal de presentación do proxecto da nova estación ferroviaria, que culminará o ámbito da Intermodal. No acto estiveron presentes, ademais do alcalde, a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera; a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e o arquitecto autor do proxecto Juan Herreros.

O alcalde de Santiago amosou a súa satisfacción por culminar un proxecto longo, "que deu moitas voltas", pero que hoxe é unha realidade "grazas ao traballo, ao esforzo e á colaboración das institucións públicas aquí presentes".

Esta infraestrutura, xunto coa humanización da rúa do Hórreo, que tamén saiu a licitación, son as dúas actuacións que faltan por desenvolver para rematar o conxunto da intermodal, no que o investimento total ronda os 70 millóns de euros. Este punto da cidade configurarase "como un gran centro de intermodalidade e de transporte por estrada".

A partir dos estudos de demanda de viaxeiros realizados por ADIF Alta Velocidade, estímase un potencial de case 3,5 millóns de viaxeiros anuais na estación de Santiago de Compostela en 2025, con 2,6 millóns movéndose polo Eixo Atlántico e 0,9 millóns accedendo cara a/desde Ourense e o resto de España.

Coa recente licitación da estación de tren, cúmprese, salientaba o rexedor recentemente, "o compromiso manifestado polo ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, e será o Mitma, a través de Adif, quen asuma ao 100% a construción do novo recinto", sen necesidade de formalizar un novo convenio coas outras administracións implicadas no desenvolvemento da área intermodal: a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. Dado que o proxecto de construción se atopa tecnicamente aprobado, autorizouse a licitación directa das obras, que contan cun prazo de execución de 30 meses e un valor estimado de preto de 28 millóns de euros.

A presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, fixo fincapé na súa intervención en que "se conseguiu superar o condicionante do número de viaxeiros" para levar a cabo un proxecto "estratéxico para a cidade, para a súa conurbación e para Galicia". Tamén engadiu que "no proxecto de Santiago de Compostela, a nova pasarela peonil, polas súas amplas dimensións que van dos 8 aos 12 metros de anchura, pola súa integración coa contorna urbana, pola súa iluminación, e polo seu deseño e materialidad permeable, que evita a aparición de recunchos ocultos á visión, contempla premisas consideradas habitualmente no deseño con criterios de xénero e facilita a mobilidade inclusiva e o benestar de todas as persoas. Desde esta visión, deseñouse unha estratexia que pon o foco na seguridade do sistema ferroviario, no desenvolvemento e xestión dunha rede que é capaz de prestar un servizo ferroviario fiable, integrador e competitivo, e na sustentabilidade desde o máis amplo espectro como forma de garantir a viabilidade e excelencia da nosa actividade, xerando impactos positivos e mellorando o noso desempeño en materia ASG (ambiental, social e de goberno corporativo)".

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquel, felicitou a cidade pola infraestrutura, que se suma á estación de bus e á pasarela inauguradas hai un mes. "Os proxectos complexos son os que requiren máis traballo e colaboración institucional e este proxecto é un exemplo dese traballo", sinalou.

A presentación do proxecto correu a cargo do arquitecto Juan Herreros, que o definiu como "un gran reto" a tres niveis: funcional, técnico e social, e que dará como resultado "un símbolo de futuro da cidade".

Novo edificio de viaxeiros
O novo edificio de viaxeiros construirase elevado sobre as actuais vías, apoiándose nas plataformas con soportes puntuais. Incluirá as dependencias necesarias para a explotación dos servizos ferroviarios e comerciais da estación.

O edificio formará unha unidade volumétrica coa pasarela peonil sobre vías, de nova execución, dende a que terá acceso e que conecta a rede urbana, estación ferroviaria e terminal de autobuses, creando unha contorna de intermodalidad para a cidade de Santiago.

Para a construción do novo edificio de viaxeiros da estación ferroviaria realizarase un acondicionamento das plataformas existentes, co fin de permitir a execución dun sistema de conexións verticais que una o vestíbulo principal, situado a un nivel superior, coa zona de uso ferroviario.

Así mesmo, realizaranse as obras de adecuación necesarias no edificio de viaxeiros actual para adaptalo á nova realidade funcional da estación.

O contrato contempla outras actuacións, como son:
- A reestruturación da superficie de aparcadoiro situada entre a primeira plataforma e o noiro que traza o límite Norte do solar.
-Urbanización completa do ámbito interior da estación, entre a Rúa do Hórreo e as diferentes construcións do complexo ferroviario e entre os seus accesos Leste e Oeste.

As obras do novo edificio respectarán e complementarán as actuacións finalizadas na estación de Santiago en 2018, que representaron melloras na configuración de vías e instalacións ferroviarias, plataformas, marquesiñas, a ampliación do edificio de viaxeiros existente e a reordenación de viarios interiores, aparcadoiro e accesos á estación, cun investimento global de 9,25 millóns de euros.

Fondos europeos
Esta actuación vai ser financiada pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU.

Direcciones relacionadas



Compartir: