EMPREGO

Santiago lanza unha app de ‘realidade aumentada’ para xogar e visitar a "Senda Mitolóxica do Monte Viso"

17/06/2021 Esta aplicación, "O Misterio do Monte Viso", cuxo desenvolvemento se realizou con medios exclusivamente municipais a través do Obradoiro de Emprego Santiago Sustentable II, proporciona información in situ a través do teléfono e ofrece contidos multimedia dunha zona moi visitada, sobre todo durante as fins de semana, por familias e persoas chegadas de toda a comarca. Para os nenos e nenas que suban este sábado ao Monte Viso haberá premio: unha camiseta con realidade aumentada do Rei Breogán.

O xogo "O misterio do Monte Viso", que pode descargar de forma gratuíta a través de ‘Google Play’, consiste en obter pistas dos diferentes personaxes mitolóxicos para poder resolver ese misterio do Monte Viso. Esta iniciativa promove que a cidadanía e especialmente os nenos e nenas poida gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico.

Coincidindo co seu lanzamento, o Concello tamén difundirá entre os escolares do municipio o Xogo de cartas con Realidade Aumentada, que permitirá ver como as figuras da Senda Mitolóxica cobran vida en tres dimensións.

Estas cartas de realidade aumentada e o xogo, "O misterio do Monte Viso", pretenden achegar todos os segredos da senda mitolóxica, facendo un percorrido polo monte do Viso e participando nunha presentación dos personaxes da mitoloxía galega. A maneira de utilizalas é moi sinxela. Descárgase a aplicación, enfócase a carta que se desexe e… a gozar do xogo.

A tecnoloxía da realidade aumentada amplía as posibilidades da experiencia didáctica porque presenta un material máis lúdico e impactante para o alumnado, que esperta a súa curiosidade. É unha tecnoloxía que busca incluír anacos dixitais no mundo real, unha experiencia pouco común, unha nova forma de interactividade. A propia pantalla do dispositivo móbil, onde se visualiza o xogo, fusiona as dúas realidades, aumentando as posibilidades dun mundo real, ata o de agora máis limitado.

O Urco, nova incorporación nas criaturas do monte Viso
Con esta ocasión, o roteiro mitolóxico ampliase coa presenza do "Can do Urco", un can enorme de pelaxe negra con grandes e longas orellas, afiados cornos e feros ollos vermellos.

Compartir: