ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o caderno divulgativo "A Compostela de Emilia Pardo Bazán", do que se editaron 10.000 exemplares

17/06/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; acompañada da investigadora e especialista en historia e patrimonio, Mercedes Vázquez Bertomeu; presentou o caderno "A Compostela de Emilia Pardo Bazán". A publicación describe como era Santiago na segunda metade do século XIX, e a transformación experimentada, de cidade de poder eclesiástico a capital universitaria; no que é un traballo de investigación rigoroso, cun formato divulgativo, no que destaca o deseño e contido.

A publicación conta cunha tirada de dez mil exemplares, que se poden solicitar no Teatro Principal. O labor de investigación e os contidos correron a cargo Mercedes Vázquez Bertomeu, e da tamén historiadora e investigadora, Pilar Rodríguez Suárez. As ilustracións e deseño son de Marcos Vigo. Ilustracións inspiradas, segundo explicou Vázquez Bertomeu, nos antigos manuscritos das primeiras máquinas de escribir, como a que utilizaba Emilia Pardo Bazán nos seus artigos xornalísticos e noutros textos. Eses debuxos conviven con fotos de Santiago do ano 1868 e algunha de Emilia Pardo Bazán; imprimindo dinamismo e atractivo ao caderno, presentado nun formato similiar aos álbums ilustrados infantís, e que toma como referencia o ocre para transportarnos á segunda metado do século XIX.

"A Compostela de Emilia Pardo Bazán" describe, en 32 páxinas, o espíritu daquela cidade que, segundo Mercedes Rosón, "ía pouco a pouco mergullándose na modernidade, cos ventos de cambio marcados polos avances tecnolóxicos". Un Santiago que aparece retratado "como unha cidade de provincias decadente", nun contexto liberal, "no que se empezaban a adiviñar pequenos avances. Esa é a Compostela que retrata Pardo Bazán, "unha muller fidalga pero comprometida co progreso e coa igualdade" que, segundo a concelleira de Acción Cultural, "foi protagonista desa época. O seu nome é o que lembramos como divulgadora" desa incipiente "transición de Santiago cara a modernidade". Tanto Mercedes Rosón coma Mercedes Váquez Bertomeu, reivindicaron, nas súas intervencións, a compostelanidade da obra da escritora.

Durante a presentación, Mercedes Váquez Bertomeu explicou que sumando as etapas que Emilia Pardo Bazán viviu en Santiago, dá un período aproximado de dous anos; "un período relevante", sinala, no que destaca a "importancia e brillo" da universidade, "cun nivel moi elevado de debate científico e intelectual". Ese contexto é o que describe Pardo Bazán, cunha obra, "Pacual López, autobiografía de un estudiante de medicina", á que Vázquez Bertomeu se refire como "a que mellor reflicte a querencia da escritora pola cidade. Onde mellor se ve ese debate científico, a fe no progreso, e a vida dos estudantes en contraste co mundo pechado da catedral".

Este caderno é o terceiro número dunha colección de estudos de carácter divulgativo, da que xa se publicaron, en 2017, 2018 e 2019 o número 1, adicado ao Arxebispo Xelmírez baixo o título "Compostela 1117"; o número 2, "Compostela festiva"; e o número 3, "Compostela nos tempos de Nós", adicada á xeración Nós.

Na súa intervención, Mercedes Rosón recordou que este ano cúmprense o centenario do falecemento de Dona Emilia Pardo Bazán. Un centenario que desde a concellaría de Acción Cultural, en colaboración con outros departamentos, celebra con roteiros sobre a escritora, ou coa exposición "Dona Emilia e Compostela", organizada polo Ateneo de Santiago, pero na que colabora o Concello, e que actualmente se pode ver no CSC de Fontiñas.

Compartir: