MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía local súmase á campaña de control de alcol e drogas da DXT

16/06/2021 A Policía Local de Compostela vai colaborar coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas que se vai desenvolver do 16 ao 22 de xuño.

Segundo datos do Observatorio Europeo para a Seguridade Viaria, ao redor do 25% das mortes en estrada en toda Europa están relacionadas co consumo de alcohol.

A Policía Local lembra que o exercicio da condución se ten que realizar sempre nas mellores condicións, para evitar situacións de risco. Por iso, a única taxa segura é 0,0%. O Corpo pídelle aos condutores que sexan prudentes ao volante, e que impidan que outras persoas que beberan collan o coche. O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, porque é un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Conducir cunha taxa de alcohol de 0,25 a 0,50 mg/l supón unha multa de 500 euros e a perda de catro puntos do carné de conducir. Se a taxa se sitúa entre 0,50 e 0,60 mg/l, a sanción económica elévase a mil euros e pérdense seis puntos do carné. Tamén se podería considerar unha infracción penal, se se entende que o consumo lle afectou á condución.

Compartir: