ACCIÓN CULTURAL

A concelleira de Acción Cultural asiste á clausura do foro Cidades Patrimonio, Cidades de Cultura

15/06/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou está mañá na clausura do foro Cidades Patrimonio, Cidades Cultura, celebrado os días 14 e 15 de xuño en Alcalá de Henares. Na xornada de onte, a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, expuxo a xestión da cultura en Santiago durante a pandemia.

O alcalde de Alcalá de Henares, Javier Rodríguez Palacios, foi o encargado de clausurar o foro. "España consolídase como líder mundial en turismo cultural e tamén en turismo seguro, con boas perspectivas desde Turespaña e desde as Cidades Patrimonio para este verán", destacou como unha das principais conclusións do Foro Cidades Patrimonio, Cidades de Cultura, cuxa clausura tivo lugar hoxe no Paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares, nun acto que contou coa participación do reitor, José Vicente Saz, e da directora xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Branco Carrillo de Albornoz, xunto cos concelleiros e técnicos das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España que participaron nas xornadas.

O Foro reuniu a expertos nacionais e internacionais de Alemaña, Francia e Italia e, entre as conclusións, segundo engadiu o alcalde, "constátase o incremento do turismo cultural en España e, ademais, é un turismo de calidade que gasta máis nas nosas cidades. Distintos relatores no Foro constataron que hai público que organiza as súas vacacións en función de grandes eventos culturais, como ocorre co Festival de Teatro de Mérida. Por tanto, este Foro confirmou os beneficios que ten a aposta pola cultura como elemento de transformación social e motor turístico e económico. As Cidades Patrimonio están a converterse en líderes en recepción de turistas, nun momento en que os viaxeiros apostan polo turismo nacional e tamén por destinos nos que é protagonista a cultura e os grandes eventos en espazos monumentais ao aire libre".

O primeiro edil de Alcalá lembrou que "o turismo representa o 15% do PIB do noso país, pero case o 3,4% provén dos sectores asociados á industria cultural. No Foro demostrouse que a cultura e o turismo son eixos centrais de xeración de riqueza nas nosas cidades".

Entre as conclusións do Foro tamén destaca que as Cidades Patrimonio da Humanidade de España mantiveron o calendario cultural no peor escenario vivido na historia recente, mantendo a programación cultural e adaptando a súa oferta aos formatos presenciais e en liña, o que supuxo, segundo Rodríguez Palacios "unha aposta rotunda pola industria cultural e os seus profesionais, de forma que as Cidades Patrimonio programaron e reprogramaron actos culturais, demostrando o compromiso das 15 cidades con todos os profesionais da industria cultural e, por suposto, co público".

O gran reto foi manter a programación garantindo todos os protocolos de seguridade: "Unha das conclusións de todos os participantes no Foro é que non se rexistraron contaxios nos eventos, o que demostra que a cultura é segura", engadiu o alcalde de Alcalá no repaso ás conclusións do Foro.

Os xestores culturais e organizadores de festivais que asistiron ao Foro aseguraron que se manterá e reforzará a aposta polos formatos tecnolóxicos, que convivirán cos presenciais. Asímismo, puxeron de manifesto a importancia da colaboración interinstitucional para xerar sinerxías á hora de promocionar a cultura máis aló das nosas fronteiras, e destacaron a unidade do sector e tamén constataron o apoio do ministerio de Facenda, de Cultura, pasando polo ministerio de Sanidade e de Turismo, xunto coas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, para levar adiante a programación de eventos culturais, que fixeron que xestores de todo o mundo tivesen como referencia o dinamismo cultural de España.

A tensión entre o uso duradeiro e sustentable dos bens culturais e os monumentos cun turismo de calidade que tamén ten que ser sustentable, é un dos grandes retos que deixa o Foro xunto coa importancia de que as institucións conten con equipos consolidados e solventes que poidan impulsar programacións culturais de gran calidade que dinamicen os destinos turísticos monumentais de España todo o ano, con proxección tanto para o turismo nacional como internacional.

No acto de clausura, a directora xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Branco Carrillo de Albornoz, destacou a colaboración desde hai anos entre as Cidades Patrimonio da Humanidade e o Ministerio para a posta en valor do Patrimonio Mundial en España, como é o caso deste Foro.

Pola súa banda, o reitor José Vicente Saz destacou a singularidade da Universidade de Alcalá, que é Patrimonio da Humanidade, e engadiu que "a historia volverá darse cita nas nosas instalacións, co saber máis vangardista que será clave para entender mellor, situarse e responder os problemas que xurdirán. Un coñecemento que teremos que transmitir ás novas xeracións, para que poidan abordar con intelixencia crítica e solidariedade, un proxecto próspero ao servizo da sociedade e da dignidade humana".

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e o Concello de Alcalá de Henares organizaron o Foro, co patrocinio do Ministerio de Cultura e Deporte (Dirección Xeral de Belas Artes), e a colaboración do Museo Arqueolóxico Rexional da Comunidade de Madrid e da Universidade de Alcalá.

Compartir: