ACCIÓN CULTURAL

A novena edición do Festival Atlántica, no que colabora o concello de Santiago, fai de Galicia a sede do encontro de narración oral máis importante da Península Ibérica

15/06/2021 O Festival Atlántica vén de anunciar este martes, 15 de xuño, o programa da súa novena edición, que se vai celebrar entre os días 1 e 11 de xullo. Unha trintena de artistas actuarán nas 82 funcións previstas, que se deslocalizarán en 40 sedes repartidas en 27 municipios das catro provincias galegas. En Santiago de Compostela, segundo destacou a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, "hai programadas, do 1 ao 10 de xullo, un total de 22 actividades, entre contos tradicionais galegos, romances, cancións, xogos, roteiros, documentais, para todos os públicos e para todas as idades, desde bebés ata os máis maiores".

A concelleira destacou que Santiago foi unha das primeiras cidades de Europa que reanudou as actividades culturais e aprobou o protocolo covid para os equipamentos e espazos públicos, como parques, prazas, ou rúas. "Reprogramamos todas as actividades previstas, pensando na situación do sector cultural. Fixemos un esforzo enorme para intensificar esa pogramación; unha programación de calidade e segura", sinalou.

Marta Abal recordou que tamén se reprogramaron os espectáculos e actividades da anterior edición do "Festival Internacional de Narración Oral". Un festival, continuou "que naceu aquí en Santiago, en 2013", e que medrou cos anos "ata converterse no encontro de narración oral máis importante de España destas características. Para o concello de Santiago é unha satisfacción poder colaborar na súa organización".

A intervención de Marta Abal tivo lugar no marco dunha rolda de prensa de presentación do festival, na que participaron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Manuel González, alcalde de Outes; Manuel Campos, alcalde de Cuntis; Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal; María José Sampedro, primeira tenente de alcalde e concelleira delegada de Cultura, Infraestruturas e Urbanismo do concello de Ribeira; Antonio Golpe, concelleiro delegado da Área de Cultura de Ferrol; Mayte Argibay, concelleira de Cultura de Teo; Begoña Blanco, concelleira de Cultura de Lalín; Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión; Paz Lago, concelleira de Cultura e Educación de Sanxenxo; Jesús Torres, director da Biblioteca Pública Ánxel Casal; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. Ademais, tamén acudironá rolda de prensa numerosos representantes de asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Felloza sialou que o encontro, que celebra nove anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, desenvolverase por primeira vez no verán e ao aire libre, con boa parte dos espectáculos en espazos de gran valor patrimonial espallados por toda Galicia. Este grado de deslocalización vai achegar o encontro ata un público potencial de máis de 400 mil persoas grazas ao esforzo e ao traballo en rede dos concellos, fundacións e asociacións participantes.

Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, pero non faltarán voces nacionais procedentes de Zamora, Salamanca, Cataluña e, por suposto, Galicia. Algúns dos nomes que configuran o cartel deste ano son Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno ou José Luis Gutiérrez "Guti". A nómina de contadores complétase cunha trintena de artistas galegos nos que figuran, entre outros, Quico Cadaval, Celso Sanmartín, Paula Carballeira, Cándido Pazó, Charo Pita, Avelino González, Raquel Queizás, etc.

Eles serán os artífices duns espectáculos pensados para todos os públicos, desde bebés ata adultos pasando pola mocidade. Volverán os itinerarios narrados pola cidade vella de Santiago e o binomio música e contos que tan boa acollida tivo noutras edicións pero fiel ao espírito innovador de Atlántica, apostarase por las actividades literarias e tamén polo cine.

Novos escenarios
As restricións impostas pola pandemia supuxeron unha oportunidade para reformular o festival. Atlántica, que adoita desenvolverse no mes de marzo, celebrarase este ano durante os once primeiros días de xullo en espazos ao aire libre. Por primeira vez, os contos do festival escoitaranse en lugares sobranceiros do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural. Van ser escenarios de Atlántica, por exemplo, o Castelo da Frouseira, en Foz; as Torres de Altamira, en Brión, intimamente vinculadas á antiga nobreza galega; ou o curro de Sabucedo, onde se celebra cada xullo a espectacular rapa das bestas, entre outros.

As funcións tamén van ter lugar en zonas naturais como carballeiras ou fragas autóctonas con xacementos arqueolóxicos, castros, petróglifos e tamén en barcas tradicionais da Ribeira Sacra ou da Guarda, que se converterán en miniescenarios nos que escoitar historias mentres se atravesa o río ou a ría. E tampouco faltarán os contos durante o solpor coas illas Cíes no horizonte. A consigna é sinxela: poñer roupa e calzado cómodo para ir á busca dos contos en paraxes espectaculares.

En Santiago as funcións programadas desenvolveranse en distintos escenarios, entre eles o Monte Viso, O Xardín de Fontiñas, a Alameda, o cemiterio de Bonaval, a cidade Vella, a biblioteca Ánxel Casal, a Carballeira de Conxo, a colexiata de Sar, o Centro Sociocultural do Romaño, a Praza de Cervantes, ou o Museo do Pobo Galego.

Contos no camiño
Outra das novidades desta edición son os espectáculos itinerantes programados ao longo do camiño de Santiago. Por unha banda, o catalán Pep Bruno realizará o camiño francés a pé e no seu transcurso brindará tres funcións programadas e outras tantas espontáneas. Por outra banda, o galego Avelino González fará o mesmo polo camiño portugués. Cando ambos os dous artistas cheguen a Santiago de Compostela, a Colexiata do Sar acollerá unha función conxunta titulada 'Historias de andantes'' que será o epílogo da súa peregrinación cuentera.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: