POLÍTICAS SOCIAIS

A praza do Obradoiro acolle a lectura do manifesto con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

14/06/2021 Hoxe, 14 de xuño, celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas e con tal motivo deuse lectura a un manifesto na praza do Obradoiro nun acto organizado pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela ao que asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; a voceira do BNG, Goretti Sanmartín; a concelleira de CA María Rozas; e o concelleiro do grupo municipal popular José Antonio Constenla.

O manifesto indica: "no Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas revindica que alí onde haxa unha persoa xorda, unha persoa xordocega, estea presente a lingua de signos. Para moitas persoas xordas e xordocegas, o uso da lingua de signos española e catalá é determinante para asegurar a súa participación plena na contorna, para o acceso aos diferentes bens e servizos, á información e á comunicación.

Falar de lingua de signos é falar de dereitos. Do dereito a expresarse e ser atendido na túa lingua, do dereito a comunicarte na túa lingua en calquera ámbito, do dereito a aprender na túa lingua, do dereito a recibir información na túa lingua. É falar de respecto ao outro, de oportunidades, de igualdade. Porque sen lingua de signos, todo se volve nada. Porque sen lingua de signos, non hai verdadeira inclusión.

A principal fortaleza das linguas de signos é que son indispensables. Linguas únicas, insubstituíbles e irrenunciables capaces de crear en quen as ama un sentimento de pertenza, identidade e comunidade.

Reivindicamos:

1. A protección e preservación da lingua de signos española e a lingua de signos catalá a través da súa incorporación na Constitución Española, e na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

2. A declaración das linguas de signos en España como manifestación representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

3. O desenvolvemento dun regulamento específico sobre as linguas de signos españolas desde a perspectiva dos dereitos lingüísticos, que permita ás persoas xordas acceder aos servizos e recursos dispoñibles para o conxunto da cidadanía a través da súa lingua natural.

4. A elaboración dunha Estratexia Nacional sobre ensino, uso, protección e promoción das linguas de signos españolas, que asegure, entre outras cousas, a súa aprendizaxe, coñecemento e aplicación tanto no ámbito da atención temperá como no sistema educativo.

5. O recoñecemento e regulación do perfil profesional das persoas xordas especialistas en lingua de signos que desempeñan distintas funcións relativas ao ensino e aprendizaxe, promoción, difusión das linguas de signos españolas.

6. A baremación do coñecemento da lingua de signos española e a lingua de signos catalá no acceso ao emprego público das persoas xordas e na provisión de postos de traballo con tarefas de atención directa ao público.

7. A defensa do rigor e a calidade lingüística dos contidos signados en televisión, en servizos de interpretación e dos cursos para aprender lingua de signos española e catalá.

8. A consideración das linguas de signos españolas como garantes de igualdade e non discriminación en calquera tipo de lexislación.

As persoas xordas signamos porque as linguas de signos permítennos ser libres. Ser independentes. Elixir. Aprender. Achegar. Crecer. Decidir por nós mesmas. Ser diversas. Empoderarnos. Insistir. Confiar. Avanzar. Ter soños cumpridos e soños por alcanzar. Vivir.

Eu coa lingua de signos.

Documentos relacionados



Compartir: