XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de modificación puntual da Ordenanza de circulación e uso da vía pública

14/06/2021 As modificacións obedecen, substancialmente, aos cambios na normativa estatal; e á regulación dunha serie de aspectos que non estaban contemplados na actual norma.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto de modificación puntual da Ordenanza de circulación e uso da vía pública, aprobada polo Pleno da Corporación, o día 6 de marzo de 1998. Publicada no BOP de A Coruña do 7 de maio de 1998 e as posteriores modificación publicadas nos BOP do 9 de xuño de 2000, 26 de maio de 2006, 13 de xullo de 2006 (artigo 110.3), 24 de febreiro de 2010 (artigos 58 a 67) e outras como a disposición derogatoria como consecuencia da aprobación da Ordenanza de Terrazas e de Actividades, Instalacións e Ocupación da Vía Pública.

As modificacións obedecen, substancialmente, aos cambios na normativa estatal; e á regulación dunha serie de aspectos que non estaban contemplados na actual norma.

As modificacións céntranse nas seguintes cuestións e artigos:

- Clasificación das vías urbanas e límites de velocidade, para adecualos á norma estatal: artigos 16 a 22

- Artigo 23 e 24: persoas responsables da conducción e condutas que afectan á mesma, consumo de bebidas alcohólicas, drogas, estupefacientes e outras.

- Regulación das bicicletas e a súa adecuación aos distintos tipos de vías polas que poderán circular: artigo 27. En concreto, modifícanse os apartados 27.C 1 e 2 e o apartado D do mesmo artigo, quedando como segue:

1. As bicicletas terán que estacionar preferentemente nos lugares habilitados, deixando libre en todos os casos un espazo de tres metros para as persoas. De non haber prazas de aparcamento gratuítas, poderán amarrarse a elementos de mobiliario urbano sempre que non os afecten nin alteren a súa función ou impidan a accesibilidade, o tránsito peonil e a circulación de vehículos.

Polo que se refire ó apartado D, do artigo 27, quedará redactado como segue, en coherencia co disposto no artigo 7.c) do TRLTSV :

As bicicletas só poderán ser retiradas e levadas ao correspondente depósito se están abandonadas ou se, estando amarradas, dificultan a circulación de vehículos ou persoas ou danen o mobiliario urbano".

- Artigo 34: sobre os estacionamentos e restricións no ámbito do casco histórico da cidade e o aparcamento regulado. Faise unha mención especial á modificación do horario da carga e descarga e as limitacións destas tarefas no casco histórico.

- Artigo 37: recolle o suposto de vehículos estacionados para a súa venda, cuestión anteriormente non contemplada na norma e que impedía as actuación policiais en relación con este tema.

- Recolle, como medida cautelar, a inmobilización de vehículos no artigo 55; e a súa retirada da vía pública no artigo 57.

- Regula, no tratamento residual do vehículo, o procedemento de traslado no artigo 69; e no artigo 70 a retirada de obxectos depositados na vía pública.

- Modifícanse as infraccións que teñen a consideración de leves, graves e moi graves, en relación con cuestións como o uso das bicicletas no artigo 71; así como o suposto de estacionamento de vehículos para a súa venda. No relativo á comisión de infraccións, persoas responsables, importe e gradación das sancións á norma, remítese á lexislación estatal en base ao principio de legalidade e reserva de lei nesta materia.

- Inclúe unha disposición adicional primeira en relación coas novas solucións de mobilidade urbana, remitíndose ao Anexo II da norma en canto a súa regulación.

- Asemade, inclúe unha disposición adicional segunda que habilita á Xunta de Goberno para realizar aquelas modificacións puntuais sobre clasificación da vías urbanas, xestión e ordenación do casco histórico e vehículos de mobilidade persoal, para permitir unha máis áxil xestión da ordenación do tráfico e da seguridade vial.

- Nas disposicións finais primeira e segunda, a norma remite á lexislación estatal nas cuestión non contempladas na mesma, ademais de regular a súa entrada en vigor.

- En desenvolvemento dos artigos 18 e seguintes introdúcese un Anexo I, no que se concreta en planimetría as distintas zonas en función da clasificación das vías urbanas.

- Nun Anexo II, regula o réxime da mobilidade no casco histórico, cuestión fundamental, pois non existía propiamente con anterioridade un tratamento específico deste espazo coas súas peculiaridades. Na norma obxecto de modificación soamente existía un artigo que contemplaba o réxime deste espazo peonil protexido.

- Nun Anexo III recolle a regulación dos vehículos de mobilidade persoal, adaptado á normativa estatal e as normas da Unión Europea.

- Nun Anexo IV o documento inclúe un plano das zonas de aparcamento de autobuses e camións de gran tonelaxe.

- E nun derradeiro Anexo V, recolle os distintos tipos de vehículos, segundo as determinacións do Anexo I do Real Decreto Lexislativo 6/201, do 30 de outubro, co fin de facilitar a comprensión da norma.

A proposta de Xunta de Goberno Local destaca que non estamos ante unha nova norma xurídica, senón ante unha modificación puntual da norma existente, co fin de adaptar determinados preceptos da mesma ás modificacións normativas estatais e introducir a regulación de determinados aspectos que non estaban previstos na norma e que se consideran fundamentais para dar resposta ao modelo de mobilidade que o Concello de Santiago está a implantar, no eido das novas smartcities, onde os vehículos ceden o seu protagonismo aos peóns e os medios de transporte menos contaminantes e máis acordes coa protección medio ambiental.

Unha vez aprobada pola Xunta de Goberno Local, seguirase o procedemento previsto no artigo 49 da Lei de Bases que determina a súa aprobación en pleno e posterior información Pública e audiencia dos interesados por prazo mínimo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestións.

Modificación das normas de celebración de cacharelas
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a modificación puntual, adaptada á Orde da Consellería de Sanidade de 10 de xuño de 2021, das normas que rexirán a celebración das cacharelas/sardiñadas en terreos de propiedade privada para a celebración da Noite de San Xoán 2021, que se farán extensivas a calquera celebración destes eventos durante o mes de xuño, sexa a noite do día 23 ou calquera outro día, segundo o exposto nesta proposta. As modificacións están relacionadas coa ampliación de aforos, no que se recomenda un máximo de 15 persoas; e de horarios, establecendo como hora límite as 03:30 h.

O texto da norma sobre "Cacharelas en terreos de propiedade privada promovidas exclusivamente por particulares", quedaría da seguinte maneira:

- Os particulares que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada en terreos de propiedade privada deberán presentar a comunicación previa, segundo o modelo oficial, publicado na web do Concello: www.santiagodecompostela.gal. As solicitudes poderanse presentar na sede electrónica do Concello: http://sede.santiagodecompostela.gal ou ben a través do banner instalado na páxina web: www.santiagodecompostela.gal dende as 00:00 horas do día 8 de xuño ata as 00:00 horas do día 21 de xuño de 2021. As persoas asinantes da comunicación previa teñen que ser maiores de idade. Con este trámite é suficiente para poder levar a cabo a actividade, sen prexuízo da responsabilidade por danos ou perdas a que houbera lugar no caso de que concorrera neglixencia ou imprudencia.

- De conformidade co establecido na Orde da Consellería de Sanidade, de 10 de xuño de 2021, pola que se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 28 de maio de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, nos espazos privados, abertos ou pechados as xuntanzas de convivintes ou non, recoméndase que non excededan de 15 persoas no exterior e 6 no interior; recoméndase o uso de mascarilla; ase como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene de mans e medidas alternativas de protección física e de etiqueta respiratoria.

- O interesado que organice o evento deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112).

- Se a propiedade está en zona urbana: O volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura.

-En zona rural: O volume do combustible da cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.

- Porase especial coidado en situar a fogueira alonxada das vivendas, vehículos, instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables; asemade non se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas..

- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

-A fogueira permanecerá vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas.

-No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.

A hora límite para rematar a celebración entre persoas non convivintes, recoméndase que sexa ata a 1 da madrugada, do día seguinte á celebración do evento, en función do disposto na Orde da Consellería de Sanidade de 10 de xuño de 2021, en todo caso, a cacharela/sardiñada rematará as as 03:30 horas da madrugada, de acordo co disposto no artigo 5.f da Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

- Non se ocupará ningún terreo ou espazo público.

- O desenvolvemento de celebración das cacharelas e sardiñadas cumprirá estas normas e as Ordenanzas municipais.

-O cumprimento destas normas será verificado polo persoal do Servizo de Extinción de Incendios que, se é o caso, dará conta á Policía Municipal das infraccións. Lémbrase que o nº de tfno do Servizo de Bombeiros é o 080 (só emerxencias) ou o 981 542 444; e asemade, o número de Emerxencias da Xunta de Galicia é o 112.

Modificación do cadro de persoal
Na reunión do executivo local, tamén se deu conta da aprobación e modificación do cadro de persoal para o ano 2021, que recolle os seguintes cambios:

* Dúas prazas de técnico de administración xeral vacantes (unha incluída na oferta de emprego do ano 2019, creada para o departamento de persoal, e outra a incluír na oferta de 2021), suprímense e transfórmanse respectivamente nunha praza de técnico de administración especial, subescala técnica, clase técnicos medios, denominación técnico/a en programación deportes, grupo A2 de titulación, e a outra nunha praza de técnico de xestión, administración xeral, subescala xestión, grupo A2, para atención ao contribuínte.

*Por outra banda suprímese unha praza de uxier incluída na oferta de emprego do ano 2019, vacante na actualidade, unha de oficial xardineiro, grupo C2 de titulación, prevista para a súa inclusión na oferta de emprego do ano 2021, e unha de auxiliar de inspección de servizos, incluída na oferta de emprego do ano 2020, que se substiúen por tres prazas de auxiliar administrativo, escala administración xeral, subescala auxiliar, grupo C2 de titulación (para relacións institucionais, medio rural e brigada de vías e obras).

*Surprímense no cadro 1 praza de conserxe funcionario (prevista para promoción interna debido a que non existen suficientes efectivos en activo para promocionar, e 3 prazas de conserxe laboral (agora a funcionarizar) pola mesma razón.

*A demanda do servizo de extinción de incendios suprímense 3 prazas de cabo, a cubrir por promoción interna, co obxecto de articular debidamente as quendas do servizo.

*Por último, modifícase denominación de 4 prazas de oficiais carpinteiros da brigada de vías e obras, dúas incluídas na oferta de emprego do ano 2017 e outras dúas na do ano 2020, que pasan a denominarse oficiais de servizos múltiples

Todo isto, supón tamén unha adecuación das diferentes ofertas de emprego (OEPs) xa publicadas e, por suposto, a conseguinte modificación da RPT

Documentos relacionados



Compartir: