MEDIO RURAL

Visita á rúa Santa Teresa Jornet, onde se investiron 175.000 euros na primeira fase de rexeneración do firme

12/06/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitaron hoxe o remate das obras de "Rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa de Santa Teresa Jornet (1ª fase)" na parroquia de Bando. A actuación tivo un orzamento de adxudicación de 174.982 euros e un prazo de execución de catro meses.

As obras enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a Concellería de Medio Rural en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña. A situación do viario existente era deficitaria e o seu pavimento estaba moi deteriorado, debido a dificultade de compatibilizar o tránsito peonil co tránsito rodado, especialmente coa circulación de vehículos pesados de transporte de mercadorías.

Nesta rúa atópase a residencia San Marcos da congregación das "Hermanitas de los Ancianos Desamparados". O vial leva o nove da súa fundadora, Santa Teresa Jornet. Tamén se accede, desde esta rúa, ao Centro ocupacional residencial da "Asociación de Padres de Personas con Discapacidad Intelectual" (ASPAS) e o "Grupo Alumisan" aedicado á industria derivada do aluminio, ademais de varias vivendas residenciais.

Nesta primeira fase de 370 metros de lonxitude, dende o acceso pola estrada de Lavacolla (antiga N-634) ata a residencia de maiores, as obras consistiron na creación dunha senda peonil pola súa marxe oeste, de dous metros de ancho máximo e acabado en formigón; e a rexeneración completa da calzada, requirindo a súa demolición previa, mediante a formación dunha nova base sobre a explanada do viario con balastro artificial e pavimentación final con mestura bituminosa en quente. Complementariamente executouse a recollida de augas pluviais mediante rede de sumidoiros e gabias revestidas de formigón.

Para a execución da segunda fase das obras, de 435 metros de lonxitude, dende a residencia ata o centro ocupacional, o pasado luns (7 de xuño de 2021) a Xunta de Goberno Local aprobou o correspondente proxecto construtivo por un importe de 111.260,30 euros e un prazo de execución de catro meses. Os traballos financiaranse con fondos do orzamento municipal e nos próximos meses procederase á súa contratación.

Compartir: