IGUALDADE

Minuto de silencio pola nena asasinada en Santa Cruz de Tenerife, vítima de violencia vicaria

11/06/2021 A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio pola menor asasinada en Santa Cruz de Tenerife, vítima de violencia vicaria.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e outros/as integrantes da Corporación participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo da nena asasinada en Santa Cruz de Tenerife. A violencia vicaria é definida na Lei 7/2018, de 30 de xullo, pola que se modifica a Ley 13/2007, de 26 de novembro, de medidas de prevención e protección integral contra a violencia de xénero, como unha forma de violencia machista que "é exercida sobre os fillos e fillas" e "inclúe toda conduta exercida polo agresor que sexa utilizada como instrumento para danar a muller".

Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: