ALCALDÍA

O alcade de Santiago e o novo rexedor de Oroso avanzan na colaboración institucional entre ambos concellos

11/06/2021 O alcalde Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi ao alcalde de Oroso, Luis Rey, que recentemente tomou posesión do cargo. Na xuntanza ambos rexedores abordaron proxectos que afectan aos dous municipios como o transporte metropolitano ou o parque comarcal de bombeiros.

Sánchez Bugallo e Rey, que acudiu xunto a Antonio Leira, deputado provincial e concelleiro en Oroso, acordaron traballar de forma conxunta para introducir o antes posible melloras no transporte metropolitano.

"Moitos veciños e veciñas de Oroso utilizan o transporte metropolitano a diario para desprazarse a Santiago e compartimos ademais as demandas doutros concellos como Ames, na dirección de que hai que mellorar o servizo", explica Luis Rey.

"Falamos de concellos moi conectados entre si e o transporte metropolitano é prioritario, un tema que está encima da mesa e sobre o que traballaremos a curto prazo", apuntou.

Na reunión, tratáronse outros temas como o servizo de bombeiros. Sánchez Bugallo confirmou que hai consenso entre todas as partes implicadas para empregar un modelo transitorio similar ao de Ferrol, no que a titularidade do parque é municipal pero presta servizos aos territorios limítrofes.

"Agradezo a receptividade do alcalde de Santiago, co que tamén falei de temas como a necesaria coordinación para manter limpa a zona do Refuxio, todo elo nun clima moi cordial e de entendemento ", engadiu Rey.

Compartir: