MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O corpo de Bombeiros cumpre cen anos como servizo municipal

08/06/2021 Esta mañá o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, visitou o parque de Bombeiros con motivo da celebración do seu centenario como servizo municipal. A explanada de entrada ao parque acolle unha exposición dos vehículos históricos máis importantes cos que contou o corpo dende a súa posta en marcha, restaurados, na súa meirande parte, polos propios integrantes do corpo.

A primeira organización de loita contra o lume documentada no Concello de Santiago de Compostela data de 1865. Designouse como Compañía de bombeiros da cidade de Santiago e creouse mediante un concerto entre o Concello e a Compañía de Seguros Mutuos.
O Corpo municipal profesional creouse no ano 1921, cunha dotación de 15 persoas, material básico de extinción e unha bomba de brazal e motor montadas sobre un carro tirado por cabalos.

No ano 1925, o Concello adquiriu aos talleres Barro de Chavín, en Viveiro, o seu primeiro vehículo automóbil con cisterna e bomba aspirante–impelente. O camión francés, da marca Dion Bouton, fabricouse no 1912 e foi o único do servizo ata o ano 1957. Algunha das súas características máis rechamantes é que leva o volante á dereita; na cabina só hai sitio para dúas persoas e sobre a porta esquerda, á altura da cabeza, ten unha campá que servía para abrirse paso. O seu ano de fabricación coincide có do afundimento do Titanic ou coa finalización da Canle de Panamá.

A autobomba Babcock & Wilcox, que ten diante unha bomba centrífuga, converteuse na segunda autobomba dos bombeiros de Santiago, adquirida en 1957, e estivo operativa ata o ano 1976. O chasis fabricouse na sede de Babcock & Wilcox de Bilbao e carrozouno a empresa madrileña Antifire. Non sería ata 1965 cando a propia Babcock & Wilcox fabricaría algunha das primeiras locomotoras diesel- hidraúlica para Talgo. Durante o ano 1957 os representantes de Francia, Alemaña, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo asinan os Tratados de Roma (constitutivos da CEE).
A restauración dos dous vehículos fixérona, na súa meirande parte, os propios integrantes do Servizo de Extinción e Salvamento de Santiago de Compostela.

O cese da actividade na antiga Estación de autobuses de Santiago ofrece agora a oportunidade de poder exhibir estes vehículos de xeito permanente á cidadanía, na propia explanada do Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela.

Compartir: