MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Nota aclaratoria sobre a actuación do servizo de extinción de incendios de Santiago o pasado 4 de xuño

07/06/2021 En relación á actuación dos bombeiros, o pasado venres, 4 de xuño, cómpre aclarar que en todo momento os bombeiros de Santiago actuaron seguindo o procedemento establecido, e que en ningún momento se lle comunicou que había vidas en perigo no incendio dun piso en Sigüeiro.

O servizo de extinción de incendios e salvamento do concello de Santiago de Compostela recibiu, sobre as 12:30 h. do venres, 4 de xuño, unha chamada do "112 AXEGA. Emerxencias Galicia" avísándoos dun incendio en Sigüeiro, no concello de Oroso, e comunicándolle que os medios que estaban alí, neste caso os bombeiros de Ordes, precisaban dun relevo.

A petición foi para relevar aos bombeiros de Ordes, pero en momento algún se lles dixo que había unha persoa atrapada, nin vidas en perigo.

Esta comunicación de relevo realizóuse a través do 112 AXEGA, sen seguir o procedemento establecido. O Servizo de extinción de incendios do Concello de Santiago é un servizo municipal, e para poder deixar Compostela sen bombeiros deben recibir a comunicación a través da Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia; como se fixo hai unhas semanas, cando acudiron ao incendio de Jealsa, en Boiro.

Aínda así, desde o Servizo de extinción de incendios de Santiago volveron porse en comunicación co 112 AXEGA, para preguntar se estaba activado o PLATERGA e o nivel que tiña, e se era preciso que se desplazasen, porque se fose así, quedaría descuberto o municipio compostelá. Desde Emerxencias Galicia, despois de consultalo, avisáronos que quedaran en Santiago, que xa se ían desplazar os bombeiros de Arzúa.

Desde o Servizo de extinción de incendios de Santiago de Compostela lamentan o falecemento dunha persoa, e aclaran que en ningún momento se negaron a actuar neste lume, e que foi desde AXEGA, en última instancia, desde onde se lle comunicou que quedaran en Santiago, porque xa se ían desplazar os bombeiros de Arzúa.

Compartir: