EDUDACIÓN E IGUALDADE

Aprobado o programa English Summer School e as bases para as axudas de Igualdade

07/06/2021 A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a memoria do programa "English Summer School", unha proposta educativa de conciliacion e aprendizaxe, enmarcada en Educa-Concilia, que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 30 de xullo de 2021 (ambos os dous inclusive), así como as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións para o fomento de actividades de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) e de prevención e loita contra as violencias machistas, para o ano 2021.

"English Summer School" está destinado a nenas e nenos empadroados no concello de Santiago de Compostela, ou que cursen actualmente algún dos cursos de Educación Primaria nun centro educativo so municipio. O prazo de inscrición ábrese mañá, día 8 e remata o 16 de xuño. Conta con 75 prazas, das que 6 se reservarán para menores que presenten informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello, que terán o carácter de acceso directo ao programa.

Con esta alternativa lúdico-educativa preténdese fomentar o estudo do inglés e mellorar as competencias comunicativas dos nenos e nenas nun ambiente que lles resulte atractivo. No "English Summer School" traballarase co alumnado valores tan importantes como o respecto aos compañeiros e ás normas, a integración social, o traballo en equipo, entre outros. Ademais, fará dos nenos e nenas elementos activos da súa propia aprendizaxe.

Establécense tres modalidades, dentro das datas de realización do programa:

-Opción 1: Todo o mes: do 28 de xuño ao 30 de xullo de 2021.

-Opción 2: Primeira quenda: do 28 de xuño ao 16 de xullo de 2021.

-Opción 3: Segunda quenda. Do 19 de xullo ao 30 de xullo de 2021.

O horario das actividades será de 09:30 h. a 14:00 h.

Co obxecto de facilitar a conciliación das familias, haberá un horario de acollida das persoas usuarias que o necesiten. Será desde as 8:00 h. ata as 9:30 h. Ese mesmo servizo de acollida prestarase desde as 14:00 h ata as 15:00 h. As actividades realizarnase nas instalacións do CEIP Pío XII.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, solicitando cita previa, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Se se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago escolla o trámite "Inscrición no programa English Summer School" dentro do catálogo de trámites dispoñible. No caso de existir máis demanda que prazas ofertadas realizarase un sorteo público.

Bases subvencións en prol da igualdade
O executivo local tamén deu luz verde ás bases reguladoras e á convocatoria para a concesión de subvencións para o fomento de actividades de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) e de prevención e loita contra as violencias machistas, para o ano 2021.

Estas axudas contan cun orzamento de 30.000 euros, e divídense en tres liñas de subvención.

-Liña 1: Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero.

-Liña 2. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBQI. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de trato e a consecución dos dereitos do colectivo LGTBQI

-Liña 3: Programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Santiago de Compostela. O obxecto desta liña é o de apoiar a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades e iniciativas conducentes a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.

Considéranse gastos subvencionables, os gastos de persoal necesario para a execución das actividades; gastos derivados da realización específica do programa ou actividade, como elaboración de materiais, gastos de publicidade e propaganda, etc.; e outros gastos correntes, que estean debidamente xustificados e se consideren estritamente necesarios para o desenvolvemento da citada actividade ou programa.

Poderase subvencionar ata o 100% do proxecto presentado, que deberá identificar exacta e pormenorizadamente as fontes de financiamento complementarias á solicitada ao Concello de Santiago de Compostela.

O prazo para presentar a solicitude será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Presentarase unha única solicitude por entidade.

Compartir: