MEDIO AMBIENTE

O Concello súmase á iniciativa #UnhaÁrborePorEuropa, con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente

05/06/2021 O Concello de Santiago, a través do departamento de Parques e Xardíns, sumouse á iniciativa, promovida polos mozos e mozas europeístas de Equipo Europa, #UnhaÁrborePorEuropa, que conta co apoio da Oficina do Parlamento en España e que busca concienciar sobre o desenvolvemento sustentable local mediante plantación de especies arbóreas.

Unha Árbore Por Europa é un manifesto que nace por iniciativa de Equipo Europa por mor dunha proposta de David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo. Nel, todos os alcaldes partícipes asumen o compromiso de plantar unha árbore no seu municipio, visibilizar a importancia do desenvolvemento sustentable no ámbito local e involucrar os mozos e mozas nos procesos de toma de decisións en materia de sustentabilidade local.

O obxectivo da campaña é conseguir que o maior número de municipios se unan a través da plantación dunha árbore nalgún parque da cidade. O Concello de Santiago elixiu o parque de Carlomagno, situado no barrio das Fontiñas, onde se plantou un acivro.

Desde 2019, xa se sumaron máis de 550 concellos de toda España e xa se plantaron máis de 17.000 árbores.

Direcciones relacionadas



Compartir: