EMPREGO

O Xiro dos Montes de Compostela, o novo roteiro de 34 quilómetros de percorrido que une os montes urbanos da cidade

05/06/2021 Un ano despois da última intervención no monte Viso, o Concello de Santiago abre a senda 'Xiro dos Montes de Compostela', que bordea a cidade unindo os montes urbanos para percorrelos a pé ou en bicicleta, achegando un alto valor ecolóxico e paisaxístico. A actuación enmárcase nas actividades do Obradoiro de emprego "CREAS III" e foi inaugurada esta mañá polo alcalde de Santiago e asociacións veciñais e deportivas.

Coincidindo coa celebración do Día mundial do medio ambiente, o alcalde de Santiago percorreu parte do roteiro do proxecto "Xiro dos Montes de Compostela", que conforma un gran corredor de 34 quilómetros de lonxitude que rodea a cidade e comunica entre si os principais montes urbanos (monte Viso, monte do Gozo, monte de Deus, monte Pedroso, monte Vidán, monte de Conxo, monte Santas Mariñas e monte Gaiás), poñéndoos á súa vez en relación co "itinerario verde" e as restantes zonas verdes existentes: con outros parques e xardíns, cos carreiros rurais e forestais e cos diferentes Camiños de Santiago, creando unha gran senda verde que facilita a integración e o diálogo da cidade coa súa contorna natural.

Proxecto de obradoiro dual CREAS III
O acondicionamento do Xiro dos Montes levouse a cabo dentro do obradoiro de emprego CREAS III, un programa de emprego-formación que se centra na aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional por parte de persoas desempregadas maiores de dezaoito anos. Consta dunha etapa formativa en alternancia coa práctica profesional, de 9 meses.

O orzamento global ascende a 409.296,57 euros, dos cales a Conselleria de Emprego e Igualdade achega 346.946 euros e o Concello, os 62.350,57 restantes.

Descrición das intervencións
A actuación consiste no trazado e delimitación dunha senda que une os montes urbanos da cidade:

Roteiro 1: Monte Viso - Monte do Gozo (4,75 Km.)
Roteiro2: Monte do Gozo - Monte de Deus (6,32 Km.)
Roteiro 3: Monte de Deus - Monte Pedroso (5,31 Km.)
Roteiro 4: Monte Pedroso - Monte de Vidán (3,32 Km.)
Roteiro 5: Monte de Vidán - Monte de Conxo (4,68 Km.)
Roteiro 6: Monte de Conxo - Monte Santasmariñas (3,48 Km.)
Roteiro 7: Monte Santasmariñas - Monte Gaias (2,85 Km.)
Roteiro 8: Monte Gaias - Monte Viso (3,27 Km.)

En toda a ruta leváronse a cabo labores de roza da vexetación de matogueira, apeo dalgún exemplar arbóreo, eliminación de exóticas invasoras nas marxes da intervención, retirada do material sobrante e traslado a punto limpo, mellora de pavimentos, regularización das superficies de xeito puntual con achega de xabre, execución dalgún punto de drenaxe con cachote ou con simple cuneta, e instalación de mobiliario e sinalización. Esta concrétase na colocación dun mapa xeral do percorrido en cada punto de inicio - fin etapa, cun módulo de descanso; na sinalización en cada cruzamento e balizado cada 50 metros de percorrido cun poste de PK cada 500 metros; e na sinalización de cada elemento de interese natural ou cultural.

A actuación culminarase cun segundo xiro que unirá os montes rurais nunha nova senda de 50 quilómetros.

Día mundial do medio ambiente
Coa celebración do Día mundial do medio ambiente, a ONU destaca que restaurar os ecosistemas significa previr, deter e reverter o daño causado, pasar de explotar a natureza a curala. Para iso, e precisamente neste día, arrincará o Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración de Ecosistemas (2021-2030), unha misión global para revivir miles de millóns de hectáreas, desde bosques ata terras de cultivo, desde a cima das montañas ata as profundidades do mar. Só con ecosistemas saudables se poden mellorar os medios de vida das persoas, contrarrestar o cambio climático e deter o colapso da biodiversidade.

Documentos relacionados



Compartir: