XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local dá luz verde á aprobación inicial do estudo de detalle da parcela na que se ubicará o novo edificio Biotech

07/06/2021 A Xunta de Goberno Local deu hoxe luz verde á aprobación inicial do "Estudo de detalle da parcela EQ-2 do Parque empresarial da Sionlla", que se someterá a información pública durante o prazo dun mes. Segundo sinalou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, é unha parcela moi extensa en tamaño e moi condicionada polos accesos, a orografía e a hidroloxía. Conta cunha superficie de 41.841 metros cadrados, e nunha parte dela, na parte dianteira, vaise ubicar o novo edificio Biotech.

A parcela está bordeada por distintas vías, pero a única que lle proporciona acceso é o tramo da Av. de Murcia, que coincide coa súa fronte suroeste. Presenta, segundo sinalou o alcalde, unha topografía accidentada, con fortes diferencias de cota entre uns puntos e outros e entre ésta e as vías que a bordean. "Polo tanto", sinala Sánchez Bugallo, "é necesario ordenar como se pode utilizar e distribuir para conseguir un aproveitamento razoable, e ao mesmo tempo, pór en valor a singularidade da orografía". Neste momento, subliñou, estanse facendo labores de limpeza e recheo nos terreos.

O alcalde sinalou que esta tarde está previsto, por parte de Sionlla Biotech, "a realización das catas para o estudo xeotécnico". Previsiblemente, engadiu Sánchez Bugallo, "ao longo desta semana se poida entregar o anteproxecto e a solicitude de cesión da parcela", para a redacción do proxecto de execución e a solicitude de licenza de obra.

Da Xunta de Goberno, Sánchez Bugallo tamén destacou a aprobación do expediente de apertura do procedemento de adxudicación das Obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira (POS+ 2017), para as que se establece un tipo de licitación de 152.000 euros; e das obras para a ampliación da rede de abastecemento na Ponte Alvar (POS+ 2020), que se licitará por 151.655,27 euros.

Por outra banda, e tamén relacionado coa concellaría de Medio Rural, aprobouse o proxecto da obra "rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa de Santa Teresa de Jornet (2ª fase)"; cun orzamento de 111.260,30 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Tamén se aprobou o proxecto "Mellora dos accesos peonís cara aos centros educativos de Lamas de Abade (FASE I)", así como a aprobación do gasto correspondente e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 126.711,2 euros.

O executivo local tamén deu luz verde ao expediente "Prestación do servizo de subscrición, actualización e mantemento da base de datos territorial do Concello de Santiago de Compostela" e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación 12.000 euros; e o expediente denominado "alugueiro dun local no barrio de Guadalupe" para a realización de actividades socioculturais municipais e da asociación de veciños do barrio por un periodo dun ano.

A maiores, acordouse solicitar á Consellería de Educación, a afectación parcial educativa do multiuso de Lavacolla nos termos sinalados polo concelleiro de Educación, que son o uso educativo como preferente e prioritario, e a autorización de uso veciñal da sala deportiva do edificio polas entidades que desexen realizar actividades compatibles nela. As entidades usuarias faranse responsables da limpeza, vixilancia e control da instalación durante a realización das súas actividades, deixándoa en todo momento en estado axeitado para o uso educativo.

Documentos relacionados



Compartir: