ALCALDÍA

Máis de 1000 empresas solicitaron as axudas destinadas aos sectores comercial e hostaleiro do PRESS, o Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago

04/06/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, agarda que se poidan atender todas as solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria do PRESS, o Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago, tanto as do sector comercial como as do hostaleiro e turístico. Estas axudas se convocan no marco do convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña para o desenvolvemento do Plan de reactivación económica e social do Concello de Santiago, cunha achega provincial dun millón de euros.

En total, presentarónse 1.125 solicitudes: 601 á convocatoria aberta para o sector hostaleiro e turístico e 524, ás axudas ao sector comercial. Sinalou o rexedor que espera que se poidan atender todas, previo control do cumprimento dos requisitos. Sánchez Bugallo lembrou que, para o sector hostaleiro, aínda está aberto o prazo das axudas directas convocadas pola Deputación, ás que xa se presentaron 474 solicitudes, "das que 427 están resoltas favorablemente".

A respecto das actuacións municipais para a revitalización dos sectores máis afectados pola pandemia, o alcalde destacou a campaña de dinamización comercial, que arrancou onte coa celebración da festa do comercio local Prima 21. "Estou moi satisfeito coa acollida do público e ogallá este éxito se manteña o venres e o sábado", indicou o rexedor, que anunciou que se organizarán máis actividades de animación nas rúas da cidade as vindeiros fins de semana.

"Pouco a pouco estamos vendo datos favorables" relativos á recuperación da actividade, en xeral, e da turística, en particular. Como exemplo, Sánchez Bugallo indicou que as reservas para agosto son maiores que as de xullo, e as que se prevén para setembro e outubro superan as do verán. Neste sentido, "agradezo o espaldarazo que supón a visita do Rei, onte, e a confirmación da súa pesenza o vindeiro 25 de xullo".

Estación do AVE
Na rolda de prensa de repaso da actividade semanal, o alcalde quixo expresar novamente a súa satisfacción polo visto bo do Goberno central á construción da nova estación de tren de Santiago, cuxo proxecto se presentará o día 18 nun acto no que estarán presentes a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o arquitecto responsable, Juan Herreros. "En canto saia publicado no BOE abrirase o prazo de presentación de ofertas co obxectivo de que se adxudique este ano e empecen as obras ou a finais de 2021 ou a principios de 2022 e rematen en 2024", lembrou o rexedor.

Tamén cualificou de boa noticia a sentenza firme coñecida esta semana sobre o hospital provincial de Galeras. "Esperamos que, unha vez clarificado o escenario legal, esta operación empece a saír adiante", indicou o alcalde, que agarda que o Concello reciba canto antes a solicitude de licenza para a recuperación dun inmoble "singular, que non pode seguir nesas condicións" e que se atopa "nunha zona moi importante da cidade".

Sánchez Bugallo referiuse a outra operación "troncal" na cidade: o desenvolvemento do ámbito do Peleteiro. Sobre esta cuestión, o alcalde quixo felicitar os técnicos de urbanismo, que "fixeron un traballo excelente e de gran calidade, que non ten dúbidas xurídicas e que conta co visto bo da propiedade", requisitos que o rexedor cualificou de imprescindibles.

Compartir: