URBANISMO

A Comisión Mixta do Peleteiro, reunida hoxe, coincide na necesidade de que o proxecto debe saír adiante

03/06/2021 A "Comisión Mixta para o desenvolvemento urbanístico da parcela do antigo Colexio Peleteiro", reunida hoxe, coincidiu na necesidade de que o proxecto debe saír adiante. Ademais, no encontro, os distintos grupos da Corporación Municipal amosaron o seu compromiso para a construción, nese espazo, dun centro de día.

Na xuntanza, presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o goberno municipal explicou o actual proxecto, avalado polos técnicos do Concello e pola propiedade, algo fundamental para que se poida materializar. Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, "analizamos as distintas propostas e espuxemos as vantaxes do proxecto que imos levar a pleno. Escoitamos a todas as partes, e faremos un esforzo por intentar chegar a un consenso.

Mercedes Rosón subliñou que "unha vez escoitados todos os intereses, falamos coa propiedade para ver se existe a posibilidade de establecer esa apertura á rúa da República Arxentina. A idea, en principio, é ampliar ese paso previsto de 12 a 13,5 metros de ancho, nunha apertura total en todos os andares".

O proxecto Peleteiro, tal e como está deseñado neste momento, mantén a apertura cara os dous viais: República Arxentina e San Pedro de Mezonzo. Isto garante, segundo explicou Mercedes Rosón, "a permeabilidade e posibilita a mellor comunicación entre estas dúas rúas". Nos 900 metros cadrados destinados a equipamento municipal, incluirase o centro de día. En canto ao aparcamento priorizanse unha solución diferente para o público e para o privado; quedando independentes.

A convocatoria da Comisión Mixta establecía dous puntos na orde do día. A presentación do borrador e DAE da "Modificación puntual do PXOM no ámbito do PERI-12"; e o de rogos e preguntas. Estivo presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a ela asistiron a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; Alejandro Sánchez Brunete, polo PP; Jorge Duarte e Marta Lois por Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, polo BNG. Tamén estaban presentes Xosé Manuel Durán, da AV Raigame; Eva López e Paula Sánchez Landeira, de Proxecto Em Rede; Isabel Gey, de Agadea; José Antonio Seijas, de Comercio Punto Compostela; e Delmiro Prieto, de Santiago Centro.

Compartir: