POLÍTICAS SOCIAIS

A campaña ‘Canto sabe(s)?’ será o eixe central da sexta edición do programa Compostela + Solidaria

03/06/2021 A Coordinadora Galega de ONGD e o Concello de Santiago poñen en marcha a VI edición de Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización e divulgación que se levará a cabo do 3 ao 17 de xuño en distintos espazos da cidade. A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, e a portavoz da coordinadora, María Paz, deron conta as actividades en rolda de prensa.

Este ano, o eixe central do Compostela + Solidaria será a iniciativa ‘Canto sabe(s)?’, unha campaña de sensibilización na que participan 37 comercios da Asociación Comercio Punto Compostela e 14 ONGD galegas. Unha proposta que ten por obxectivo promover o coñecemento das realidades diversas dos países do Sur Global onde traballan as ONGD galegas xunto a organizacións locais, "para romper estereotipos; para recordar parte da súa historia e para coñecer algunhas das problemáticas que afrontan", como indicou Mila Castro, que amosou a súa satisfacción por poder colaborar una máis cunha iniciativa "tan necesaria".

A campaña está pensada como un xogo: a clientela que acuda aos comercios participantes recibirá de regalo unha chocolatina de comercio xusto cunha pregunta sobre Guatemala, o Sáhara Occidental, a India, Bolivia, etc. En total, hai ata 11 preguntas agrupadas en tres categorías: xénero e feminismos; extractivismo e soberanía alimentaria; e cultura. Preguntas como estas: Sabías que no Salvador as mariscadoras reciben o nome de curileras? Sabías que o día contra a violencia de xénero que se conmemora o 25 de novembro ten a súa orixe en República Dominicana?

Na parte interior do envoltorio, ademais do chocolate, as persoas que reciban o agasallo atoparán un pequeno texto coas respostas a esas preguntas e un código QR para acceder á web da Coordinadora Galega de ONGD e ampliar a información. Ademais, os envoltorios poderán transformarse en puntos de libro.

En total, ao longo de 15 días repartiranse 4.600 chocolatinas por toda a cidade que permitirán aprender unha miga sobre os distintos países, as súas problemáticas e os proxectos que as ONGD galegas están levando a cabo actualmente. Proxectos para contribuír a garantir dereitos humanos como o acceso á educación, á saúde ou a auga potable e tamén para fortalecer as capacidades das poboacións na defensa dos seus dereitos e os das súas comunidades.

Cinefórum social
Unha edición máis, e xa van catro, o Cinema NUMAX súmase ao Compostela + Solidaria coa organización dun ciclo de cine social. Desta vez será con cintas de directoras e directores de distintos países do Sur global e do Estado español en dúas sesións os días 9 e 16 de xuño, ás 20 horas.

Este ano o ciclo é exclusivamente documental coa vontade de ofrecer historias reais nas que falen as súas protagonistas. En total proxectaranse 6 documentais, dous dos cales de animación, que abordarán cuestións como o dereito de acceso á auga en Chile; as opresións que viven as mulleres indíxenas no Brasil; a violencia que sofren as mulleres en distintos lugares do mundo; ou o drama da migración entre México e Estados Unidos.

Todas, pezas para reflexionar arredor da xustiza social e os dereitos humanos e tomar conciencia da dependencia e corresponsabilidade entre as sociedades que habitamos o planeta. Nas dúas sesións, ao rematar as proxeccións, haberá un coloquio online no que participarán as directoras dalgúns dos documentais.

As sesións serán abertas e de balde. Os convites para poder acceder recolleranse na billeteira do Cinema NUMAX a partir do venres anterior a cada unha das sesións. O aforo do cinema é actualmente do 50% por mor das medidas da prevención da COVID-19.

Teatro social
Somos o que vestimos? Que sabemos sobre as implicación do consumo de roupa a nivel internacional? Cal é a realidade das traballadoras da industria téxtil no mundo? Para contestar a estas e outras preguntas, o 17 de xuño, ás 19 horas, o Centro Sociaocultural de Vite acollerá a obra de teatro ‘Vaia tea’. Nesta peza de Xucrut Teatre para Solidariedade Internacional Galicia representaranse situacións sobre o consumo de roupa acompañadas de humor e co obxectivo de promover a reflexión.

Será unha sesión aberta e de balde con inscrición previas chamando ao CSC de Vite ou contactando coa Coordinadora Galega de ONGD.

Programación do Cinefórum social no cinema NUMAX
Mércores, 9 de xuño, ás 20 horas

Ava Kuña, Aty Kuña - Mulher indígena, mulher política
Dirixida por Guilherme Augusto Sai (Brasil) – 25 minutos

Siluetas de agua
Dirixida por Violeta Paus (Chile) - 30 minutos

¿Dónde estabas tú?
Dirixida por María Trénor (España) – 19 minutos
O coloquio final será con María Trénor

Mércores, 16 de xuño, ás 20 horas

Águilas
Dirixida por Maite Zubiaurre e Kristy Guevara-Flanagan (México – EEUU) – 14 minutos

Bocamina
Dirixida por Miguel Hilari (Bolivia) – 22 minutos

El centinela de piedra
Dirixida por Ana L'Homme (Chile) – 28 minutos
O coloquio final será con Ana L'Homme

Documentos relacionados



Compartir: