MEDIO RURAL

Publicado no BOP o anuncio da modificación da terceira fase do plan de sendas peonís, que afecta á que se vai executar entre Santiago e Figueiras

02/06/2021 O BOP da provincia da coruña de data 31 de maio de 2021 publica o anuncio da modificación da terceira fase do plan de sendas peonís, que afecta á senda entre Santiago e Figueiras

En concreto, tal e como se acordou no pleno da Deputación da Coruña, celebrado o pasado 30 de abril, actualízase o proxecto "Senda peonil na DP 7803 Santiago a Figueiras entre os PQ 0+000 ao 2+560 e ramal inicial, concello de Santiago de Compostela", para adaptalo, segundo explica no BOP, "ás necesidades xurdidas". Esta modificación, que se integra na terceira fase do "Plan de sendas peonís 2018"; non supón variación económica con respecto ao aprobado polo pleno da Corporación na sesión celebrada o 22 de decembro de 2018, que ascendía a 754.128,97 euro.

O BOP tamén anuncia o inicio dos trámites para a expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución da obras, ao que se destinarán, a maiores, 26.717,15 euros; e a exposición ao público do proxecto, mediante un anuncio a inserir no BOP nun prazo de dez días a efectos de "reclamacións, transcorrido o cal sen que estas se producisen, consideraranse definitivamente aprobados".

Tamén publica a remisión do expediente, "para coñecemento e informe da Xunta de Galicia e da Comisión Galega de Cooperación Local para os efectos da coordinación establecidos nos artigos 112 e concordantes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, podéndose proseguir as actuacións unha vez que transcorra o prazo de dez días sen que se emita ningún informe".

Proxecto
O pleno da Deputación da Coruña, celebrado o 30 de abril, aprobou por unanimidade o investimento, que permitirá construír distintas sendas peonís, entre elas a senda da DP de Santiago a Figueiras. Contará con 400 metros de longo e 1,8 metros de ancho.

A iniciativa levarase a cabo a través da ampliación da beiravía da estrada, que pasará do medio metro aos 2,8 metros. Dentro deste espazo reservarase un metro á beiravía e o restante á senda, que se dividirá en dous tramos: do PQ 0+000 ao 0+220; e do 0+570 ao 0+790.

Nas zonas nas que existen núcleos de vivendas executaranse beirarrúas con bordos. Ademais, co obxectivo de que a senda conte con todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas que circulen por ela, realizarase a separación da estrada a través de delimitadores de caucho e barreiras de seguridade de formigón.

Compartir: