SEGURIDADE CIDADÁ

A Xunta local de seguridade constata que Santiago segue a ser unha cidade segura, cun índice de resolución de delitos graves que supera o 60%

02/06/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, presidiron esta mañá a Xunta local de seguridade, á que tamén asistiu o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e representantes da Policía local, nacional e autonómica. Na xuntanza púxose de manifesto que Santiago segue a ser unha cidade segura, cun descenso no número de delitos contra as persoas, roubos con intimidación e roubos con forza.

Os datos achegados polos distintos corpos certifican que se produciu unha rebaixa do 13% nos delitos contra as persoas, do 9% en roubos con intimidación e do 36% en roubos con forza en relación con 2019. Pola contra, aumentaron un 25% os furtos, aínda que se detectou un lixeiro descenso nos cinco primeiros meses de 2021 con respecto a 2019. Cómpre sinalar tamén que o índice de resolución de delitos graves supera o 60%.

Tanto o alcalde como a subdelegada quixeron facer fincapé tamén nos delitos telemáticos, que experimentan un crecemento do 200%, o que os converte no 50% dos que se denuncian na cidade. Esta circunstancia, como sinalou Pilar López-Rioboo, vén motivada "polo aumento das compras online", hábito acentuado durante a pandemia.

No que respecta aos casos de violencia de xénero, sinalou o rexedor que sufriron un incremento "moi significativo en 2020 vinculado á pandemia e ao confinamento", e "descenderon nos 5 meses de 2021" con respecto ao mesmo período do ano pasado. Actualmente hai 154 casos de violencia de xénero na cidade, aínda que, segundo datos da Subdelegación, ningún reviste risco extremo. A Policía local ten asignados 35; 33, a autonómica; e o resto, a nacional.

Xosé Sánchez Bugallo aproveitou tamén a celebración desta Xunta local de seguridade para agradecer o labor desempeñado á fronte da subdelegación por Pilar López-Rioboo, que se xubila o vindeiro día 11. A subdelegada quixo salientar antes da súa marcha a colaboración institucional e o trato recibido por parte do Concello.

Compartir: