XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a licitación das obras de reurbanización da rúa do Hórreo por preto de 600.000 euros

01/06/2021 A Xunta de Goberno vén de aprobar o expediente de execución das obras de reurbanización da rúa do Hórreo, así como a apertura do procedemento de adxudicación, nunha sesión na que tamén se deu luz verde ás listaxes definitivas das Escolas Infantís municipais e á convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria.

O goberno local aprobou esta mañá o expediente de execución das obras de reurbanización da rúa do Hórreo no ámbito fronte á Estación Intermodal, así como o gasto correspondente e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, cun tipo de licitación de 593.562,92 euros (490.547,70 máis 103.015,02 euros de IVE).

A zona entre Santiago León de Caracas e a avenida de Lugo é o ámbito obxecto do proxecto de obras. Proxéctase una gran praza de acollida e antesala da cidade e da estación. Trátase dun espazo en plataforma lixeiramente elevado fronte á rasante da calzada actual e aproximadamente ao nivel das beirarúas existentes. Dous vaos, un en cada extremo do andén, dan acceso ao mesmo, entrando na zona de convivencia peóns - vehículos. Este ámbito abarcará dende a rúa Santiago León de Caracas ata Manuel Murguía, o que significa que tanto a nova pasarela como o ascensor e escaleiras existentes desembarcarán aquí.

Mediante a disposición duns xardíns lineais, defínense tres zonas, de maneira que dúas delas, a carón da estación e das vivendas, son exclusivas de uso peonil e unha terceira servirá de soporte a un tráfico mixto vehículos-peóns con prioridade para estes últimos. Esta terá unha maior sección permitindo rodar en ambos os sentidos.
Resólvese a plataforma de convivencia cun único material de acabado, buscando esa percepción de continuidade; para isto utilízase un asfalto pulido con árido de cor que aporta luz á superficie. Trabállase cun despece que marca direccións e organiza sentidos no ámbito de circulación mixta. Os xardíns axudan a ordenar os fluxos dos diferentes tráficos, acollen tamén o mobiliario ubrano, bancos, iluminación, etc, buscando evitar que apareza unha dispersión de elementos que dificulten o uso e desordenen o espazo.
En canto ás infraestruturas, o proxecto contempla o mantemento das redes xerais preexistentes, coa reforma daquelas que o requiren debido á nova configuración: saneamento, rego e rede de alumeado público.

Outros asuntos
Nesta sesión extraordinara acordouse tamén a aprobación do gasto e a apertura do procedemento de subministración de prendas de uniformidade para a Policía Local, que se realizará mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 165.289,26 euros IVE aparte (34.710,74) e que se executará en dúas anualidades (2021: 100.000 euros, 2022: 100.000 euros).
En canto aos Bombeiros, adxudicouse o contrato de subministración dun vehículo autoescaleira para o servizo de extinción de incendios e salvamento a favor da empresa GLOBAL PROJECTS AND SUPPLIES SL por un importe de 143.950 euros (IVE aparte 21%: 30.229,50 euros), sendo a súa oferta a única presentada. Desígnase como técnico municipal director responsable do contrato a Manuel Sanmartín Chao, xefe do Servizo de extinción de incendios e salvamento.

Educación e servizos sociais
Así mesmo, aprobouse a convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso escolar 2021/2022 e que deberá publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Apróbase o gasto polo importe destinado a esta convocatoria, que é de 651.000,00 euros.

A proposta de Educación, deuse luz verde á relación definitiva de admitidos/as, excluídos/as e listaxe de agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2021-2022, na que se inclúen na listaxe de agarda as familias que obtendo praza, quedan en lista na súa 1ª opción.

Tamén se aproba a listaxe de agarda para o curso 2021-2022 para remitir á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia aos efectos da tramitación do "Bono Concilia". Nesta listaxe só figuran aquelas familias que, solicitando o "Bono Concilia", quedaron en listaxe de agarda ao non ter unha praza nunha das tres escolas infantís municipais.

Entre outros asuntos, a proposta da Alcaldía, acordouse o nomeamento de conselleiros na Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.-UNINOVA. Designáronse para o posto aos concelleiros Mercedes Rosón Ferreiro e Gumersindo Guinarte Cabada; ao director da Asesoría Xurídica, Manuel Cutrín Domínguez; e á funcionaria economista adscrita á Área de promoción económica Dona Carme Casado Casado.

Documentos relacionados



Compartir: