URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico dá o visto bo ás obras de mellora da accesibilidade en distintas rúas de Santiago

01/06/2021 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, das obras de mellora da accesibilidade en diversas rúas de Santiago de Compostela. Estas actuacións, promovidasd polo propio concello, contan cun orzamento de 154.598 euros, e están consensuadas con COGAMI.

O Concello de Santiago, a través da área de Urbanismo, contactou con COGAMI para encargar a redacción dun proxecto de melloras da accesibilidade no entorno urbano da cidade. Neste proxecto recóllense múltiples incidencias en materia de accesibilidade. Estes documentos engloban reclamacións realizadas ao Concello dende diferentes vías, varios documentos elaborados por asociacións de persoas con discapacidade e un proxecto que no seu momento recollía tamén diferentes incidencias.

O total de incidencias recompiladas nestes documentos pasaba de 200. Unha vez revisadas todas elas, identifícanse as situación xa resoltas. O resultado son algo máis de 130 incidencias sen resolver dentro das contempladas inicialmente. Dende o departamento de accesibilidade de COGAMI, en colaboración co estudo de arquitectura ARROKABE, realízase unha valoración de cada unha destas incidencias, obtendo como resultado unha priorización para a resolución das mesmas. Nesta priorización tivéronse en conta conceptos como a seguridade, a localización e importancia urbana, o grado de accesibilidade actual, a demanda cidadá e a valoración técnica. Como resultado deste proceso recóllese un listado de incidencias sobre as que realizar as actuacións que se levaron a Comisión de Patrimonio Histórico. Son:

- Incidencia 01: Cruce en zona superior de Xoán XXIII con Praza da paz
- Incidencia 10: Cruce en zona superior de Xoán XXIII con Rúa Modesto Brocos
- Incidencia 13: Paso de peóns en Xoán XXIII, xunta ao cruzamento con Av. de Coimbra
- Incidencia 15: Paso de peóns e praza de aparcamento en Rúa dos Xasmíns
- Incidencia 18: Paso de peóns fronte á facultade de Económicas, Av. Burgo das Nacións
- Incidencia 22: Rúa de Alexandre Bóveda, no acceso á escola infantil de Vite
- Incidencia 28: Cruzamento de Rúa do Lavadoiro e Rúa do Río, acceso á escola infantil de Meixonfrio
- Incidencia 38: Rúa García Lorca, Capela da Guadalupe
- Incidencia 39A: Rúa García Lorca, sobre o número 1
- Incidencia 39B: Rúa García Lorca, Parada de buses, sobre o número 8
- Incidencia 40: Rúa García Lorca, sobre o número 16
- Incidencia 44: Rúa dos Irmandiños, IES Arcebispo XelmírezII
- Incidencia 60: Rua Ulpiano Villanueva no acceso á Escola Oficial de Idiomas
- Incidencia 63: Rúa do Valiño, entorno do número 17
- Incidencia 110: Rúa de París, fronte ao acceso acceso ao C.C.Área Central
- Incidencia 111: Rúa das fontes do Sar no cruzamento con Brañas do Sar
- Incidencia 112: Rúa das fontes do Sar, Paso de peóns frente á piscina
- Incidencia 113: Rúa das fontes do Sar, parada de buses
- Incidencia 118: Rúa de Portomarín sobre o número 6
- Incidencia 122: Rúa de Ramón Piñeiro sobre o número 10
- Incidencia 123: Rúa de Ramón Piñeiro con Domingo Fontán
- Incidencia 126: Praza de aparcamento en Av Romero Donallo sobre o núm.43
- Incidencia 127: Praza de aparcamiento en Rúa República Arxentina sobre o núm. 48
- Praza de Galicia
- Incidencia 128: Rúa Hórreo, sobre o número 74
- Incidencia 129: Av da Liberdade en cruzamento con Rúa Gerardo Fernández Albor
- Incidencia 130: Av da Liberdade en zona acceso á Rúa de Margarita Nelken
- Incidencia 131: Cruzamento de Rúa do Banquete de Conxo e Rúa do Penedo
- Incidencia 134: cruzamento en Rúa de Constantino Limia Nogueira en encontro con Rúa da Virxe de Fátima

Algunhas destas intervencións sitúanse dentro do ámbito dos Camiños de Santiago, (Camiño Portugués e Camiño Francés), polo que deberán ser autorizadas pola Consellería competente en materia de protección de patrimonio cultural, previamente á concesión de licenza municipal, de acordo co art. 39 "Autorizacións" da "Lei 5/2016 do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia"

A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico informou que as mencionadas intervencións son autorizables segundo a Orde ministerial do 29 de outubro de 1964, pola que se aproban as "Instrucciones de la Dirección General de Bellas Artes para la aprobación de proyectos de obras a realizar en las zonas de la ciudad de Santiago de Compostela afectadas por la declaración de conjunto histórico-artístico" (BOE nº 233 de 29 de setembro de 1966).

Tamén informou favorablemente ás obras de reforma e ampliación, no edificio Monte da Condesa do Campus Vida, segundo o Proxecto Básico para a Ampliación das instalacions no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), que contan cun orzamento de execución material de 3.558.976 euros.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: