ACCIÓN CULTURAL

Entrega do I Premio Plataforma a La Ribot pola súa traxectoria no mundo da performance

01/06/2021 O premio foi entregado polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, nun acto ao que tamén asistiron Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural e Igualdade; representantes dos grupos municipais do Concello de Santiago de Compostela; Santiago Olmo, director do CGAC e David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo, directores de Plataforma. Festival de artes performativas.

Entre o 26 de maio e o 5 de xuño de 2021 está tendo lugar a segunda edición do festival de artes performativas Plataforma, un proxecto que baixo o fío da performatividade quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, as artes escénicas, a arquitectura e o deseño.

Dirixido por Performa S. Coop. Galega, Plataforma continúa coa intención de traballar en rede e complicidade co maior número de axentes, institucións e espazos posibles dunha cidade referente cultural como Santiago de Compostela.

Plataforma é un festival de cidade, transversal, comprometido co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, coa súa diversidade, coa igualdade, coa tradición e coa innovación cultural, preocupado pola sustentabilidade e por proxectar talento local. Por este motivo a primeira edición de Plataforma tivo gran fortuna crítica en medios estatais e autonómicos e foi destacada no Observatorio de la Cultura en España 2020 (Fundación Contemporánea) entre as dez mellores iniciativas culturais do ano en Galicia.

Plataforma destaca por apostar pola produción propia e os encargos específicos aos artistas participantes. Durante 11 días, presenta múltiples propostas entre as que destacan performances de artistas de grande traxectoria internacional como Pilar Albarracín e La Ribot, quen recibiu o I Premio Plataforma. Festival de artes performativas.

Entrega do I Premio Plataforma a La Ribot
Hoxe foi entregado no Pazo de Raxoi o I Premio Plataforma a La Ribot pola súa traxectoria no mundo da performance, Premio Nacional de Danza (2000) e recentemente galardoada co León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia (2020), un dos galardóns máis prestixiosos que pode recibir un artista. La Ribot recibiu tamén a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (2015) e o Gran Premio Suizo da Danza (2019). La Ribot foi protagonista xa na primeira edición de Plataforma. Festival de artes performativas cunha exposición no CGAC titulada La Ribot. Manual de uso no CGAC. Nesta segunda edición de Plataforma realizará unha performance este mesmo martes e será protagonista dunha conversa con Juan Loriente no CGAC.

La Ribot recibiu como premio unha pedra deseñada pola coñecida ceramista Verónica Moar -que tamén estivo presente no acto-, unha creadora galega que expandiu as posibilidades do mundo da cerámica en campos como a escultura, a performance e a danza contemporánea.

Compartir: